O Concello de Boiro realiza o vindeiro martes 4 de abril un acto en homenaxe a Ramón Martínez López. Na presentación dos actos, que tivo lugar esta tarde, participaron o alcalde, José Ramón Romero; a concelleira de Memoria Histórica, Dores Torrado; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; e un dos impulsores do proxecto, Xosé Deira.
A figura de Ramón Martínez López é moi importante para Boiro, o seu pobo natal. Foi docente, escritor, investigador e unha relevante figura do galeguismo e foi o fundador do Seminario de Estudos Galegos, onde realizou labores de recuperación etnográfica e folclórica do Barbanza. “para o Museo do Pobo Galego é importante recoñecer o centenario do Seminatio de Estudos Galegos e promover a labor pola que foi creado”, recoñeceu o director do museo.
O Concello de Boiro, para homenaxear a súa figura, organiza o vindeiro martes día 4 de abril, data do aniversario do seu nacemento, con motivo do centenario do Seminario de Estudos Galegos un acto público de recoñecemento. O acto terá lugar ás 19.00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Boiro, onde o seu biógrafo, Amancio Liñares, fará unha conferencia sobre a súa figura. “O obxetivo deste proxecto é dar a coñecer a figura de Ramón Martínez López no seu pobo natal, xa que foi unha persoa moi relevante para a cultura galega”, afirmou Deira.
O acto continuará cun paseo teatralizado cos Quinquilláns polo roteiro da memoria de Cimadevila e rematará co descubrimento dunha placa na súa honra no lugar no que naceu. “Este acto vaise levar a cabo dentro do proxecto de recuperación da memoria de Cimadevila, co que xa se realizou un
recoñecemento aos represaliados e ás mulleres do textil”, afirmou a concelleira, Dores Torrado.
O alcalde, José Ramón Romero, convidou a participar neste acto de recoñecemento e agradeceu “o gran traballo que dende as áreas de Memoria Histórica e Cultura están a desenvolver para a posta en valor da figura de Ramón Martínez López”.




