Amicos conmemorou cunha gran festa no centro de Ribeira o Día Mundial da Concienciación do Autismo

31 Marzo 2023

Con motivo do Día Mundial do Autismo, que se conmemora o próximo domingo 2 de abril, a asociación da nosa comarca Amicos esta a levar a cabo unha serie de actividades a prol das persoas co dito trastorno. Boa parte das accións centralizáronse este venres na praza do Concello de Ribeira. Na xornada participaron máis de 90 alumnos de dous centros escolares do municipio. Participaron integrantes da comunidade educativa, do Concello e a Corporación municipais, da Xunta, da Asociación de Empresarios de Ribeira e, por suposto, da Asociación Amicos.

Ao acto na praza do Concello de Ribeira, asistiron alumnos do CPR Bayón e o CEIP O Grupo, un total de 91 alumnos que participaron nunha xornada festiva chea de xogos adaptados.

Ao rematar, dous alumnos do CEEPR Amicos, Mariana e Fran, leron unha proclama que comezaba deste xeito: “Teño dereito a que me respecten, teño dereito a desfrutar da vida, teño dereito a ser feliz, teño dereito a equivocarme, teño dereito a xogar…”, así comezaba Mariana e Fran coa lectura do manifesto.

Continuou a lectura Alfonso Pérez, residente de fogar Amicos, quen, co apoio de pictogramas fixo un chamamento a deixar claro a importancia de construír sociedades xustas e comunidades inclusivas para todos e todas, “onde teñamos os apoios que necesitamos”. Para concluír, de maneira xeral demandou o dereito a “termos espazos claros e comprensíbeis, é dicir que estean cognitivamente adaptados”.

O acto foi presidido por Jacobo José Rey Sastre, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfico da Xunta de Galicia, quen sinalou: “É un acto moi importante para visibilizar e concienciar sobre a necesidade de seguir traballando en favor das persoas con autismo. Nos últimos anos déronse moitos pasos importantes, pero cremos que sempre queda algo por facer, e que todas as persoas, cada un na súa responsabilidade, tanto as administracións coma as persoas a titulo particular poden facer algo a favor das persoas con autismo”, explicaba Jacobo.

Dende o Concello de Ribeira, participou o alcalde Manuel Rivas, xunto con outros concelleiros e integrantes da Corporación municipal. “A sociedade durante moitos anos estivo de costas a moitos problemas, un deles foi o autismo, para iso temos que identificar os problemas e dar solucións para vivir en igualdade de condicións que o resto, a esta vida vimos para ser felices”, expoñía Manuel Ruiz.

Dende Amicos, Xoan España, director xeral da asociación, agradeceu a todos os asistentes por
“acompañarnos na visibilización do TEA”, e engadiu o seguinte: “Queremos que dentro das súas capacidades teñan acceso a todos os medios en igualdade de condicións”.

Tamén estiveron presentes autoridades da comarca: Mariola Sampedro, 1a tenente alcalde do Concello de Ribeira e Ana Barreiro, concelleira de servizos Sociais de Ribeira, Silvia Agrafojo e Jose Antonio, concelleiros de Lousame e Magdalena Pérez, concelleira de Benestar do Goberno de Porto do Son, entre outros.

Para pechar o acto, todos xuntos na praza do Concello elaboraron o símbolo do infinito humano.

Campaña azul

Amicos leva desde principio de semana impulsando unha campaña de suma en azul para todos os comercios e concellos da comarca do Barbanza. Este ano sumouse a nosa iniciativa a Zona Aberta de Vilagarcía e está sendo todo un éxito. Os comercios, administracións e establecementos de hostalería están a derrubar as barreiras sociais en torno ao autismo pondo en azul os seus negocios.

Múltiples e variados motivos, letras e produtos en azul, a cor representativa dos Trastornos do Espectro Autista (TEA), xa están a adornar estes días os locais..

O obxectivo é “tinguir de azul os escaparates e as rúas do Barbanza e Vilagarcía para que a cidadanía tome conciencia da importancia de romper as barreiras en torno as persoas con TEA facendo unha sociedade máis accesíbel para todos”.

Amicos solicita especialmente aos comercios que remitan fotografías para poder socializar a mobilización a través das redes sociais, nós difundiremos as fotografías entre os máis de 9.000 seguidores.

Ademais os Concellos de Porto do Son, Ribeira, Boiro e Lousame sumáronse a esta iniciativa pondo unha pancarta nos seus edificios municipais. Esta lona foi feita na Fábrica Social polos usuarios de Amicos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

“A forza da gratitude”. Luís Celeiro

Daquela, hai algo máis de cincuenta anos, algúns dos aldeáns e aldeás das aldeas de Lugochegaban ao Instituto para abrir as portas do futuro, pechadas a cal e canto para os fillos daMariña, para os das montañas da Fonsagrada, dos Ancares, do Courel e da Lóuzara...