A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) vén de comunicar ao Concello de Ribeira que, por segundo ano consecutivo, vai ser galardoado coa bandeira Sendeiro Azul para a senda litoral que une a praia de Coroso coa praia de Río Azor.

Deste xeito, informaron fontes do Consistorio, Ribeira é “o único municipio da comarca do Barbanza que ostentará esta distinción, outorgada pola mesma entidade que outorga as bandeiras azuis, neste caso co obxectivo de premiar a recuperación e posta en valor de itinerarios de todo o territorio nacional, transformados en valiosos recursos para a interpretación ambiental e o goce da natureza, servindo como lugares ideais para a sensibilización ambiental, entendida esta como unha ferramenta que contribúe ao cambio social”.
O Concello engade que en toda a xeografía española haberá este ano un total de 104 sendeiros azuis (22 candidatos máis que o ano pasado) pertencentes a 83 municipios de 19 provincias.
Na nosa provincia, xunto ao de Ribeira tamén teñen esta distinción outros seis itinerarios das localidades da Coruña, A Laracha, Arteixo, Camariñas, Carballo e Oleiros.
O acto de entrega está programado para o próximo 24 de febreiro en Santiago de Compostela.

Á hora de postular o paseo entre Coroso e Río Azor para este recoñecemento, considerouse que acredita “valores orientados á conservación do medio natural e á promoción de hábitos saudábeis, especialmente tras a realización de actuacións como o da recuperación da zona de servidume entre os areais de Coroso e Río Azor a través da creación dun sendeiro peonil, que permiten desfrutar dun entorno privilexiado no que se erixen puntos como as illas de Rúa e dos Ratos na ría de Arousa ou que posúe elementos de gran valor patrimonial como unha antiga fábrica de salgadura no remate de Coroso”.
Unha das máis recentes actuacións emprendidas para mellorar a senda foi a renovación e ampliación da pasarela de madeira da praia de Coroso ata alcanzar un ancho de 2,5 metros: unha intervención que está previsto finalice a semana que vén, informou o Concello.



