Este domingo 26 de febreiro, da man da Asociación Clásicos do Barbanza, celebrarase en Ribeira a terceira edición da Quedada de Coches Clásicos. A iniciativa, que rende homenaxe aos vehículos históricos, foi presentada na mañá deste venres 24 pola concelleira de Cultura María Sampedro, xunto con Brais Ferrín e David Ruso, membros da citada entidade (presidida por Óscar Lorenzo), que trouxeron á praza do Concello dous dos vehículos que se exhibirán na concentración, ambos datados de 1973 (un Mercedes 220D e un Seat 124 Sport).

A quedada terá lugar a partir das 11.30 horas na explanada do Malecón fronte Capitanía Marítima, estando confirmada xa a participación de entre 40 e 50 vehículos clásicos. A maiores, dende a organización fixeron un chamamento a todos aqueles que teñan un coche a unha moto antiga a que acheguen ata o punto de encontro e participar desta actividade.
Unha vez concluída a quedada en torno ás 14.30 horas, os socios de Clásicos de Barbanza desprazaranse ata o paseo do Coroso, onde permanecerán pola tarde.
Foodtruck
Por outra parte, María Sampedro lembrou que o Malecón vai acoller tamén o domingo e o luns un foodtruck da campaña Galicia Sabe aMar que impulsa a Xunta de Galicia para promocionar os nosos produtos gastronómicos ligados co medio mariño. Funcionará en horario de 12 a 15 e de 18 a 21 horas.




