O PSOE de Ribeira, a través do seu concelleiro-portavoz José Manuel Vilas, presentou para ser debatido en pleno, un rogo relativo á zona de Fafián, en Santa Uxía, e á contorna do Cemiterio Municipal. Segundo explica a agrupación, trátase dun barrio que experimentou unha evolución nos últimos anos motivada pola construción de edificios e as infraestruturas viarias necesarias. Debido a todo isto e a outras razóns, por exemplo a proximidade do camposanto municipal, sinalan que “hoxe en día a circulación de vehículos e tránsito de persoas pola zona do lugar é moi intenso, especialmente na rúa Cristóbal Colón, e sobre todo durante a celebración de acontecementos funerarios”.
Porén, fan saber que este intenso tráfico xera “un caos no tránsito de vehículos, concretamente na área do Cemiterio Municipal”.

Os socialistas explican no seu rogo que o pasado mes de marzo do 2022, en sesión plenaria, aprobouse realizar unha actuación no lugar, presentada polo grupo municipal socialista, co fin de “solventar as insuficiencias da vía pública”. O PSOE lembra que se logrou, trala xestión do equipo de Goberno, a cesión de terreos de parcelas anexas no tramo estreito. “Dito treito de vía”, engaden, “faise perigoso no seu tránsito, xa que a calzada estréitase nas inmediacións do camposanto, situación que se agrava co estacionamento de vehículos nas marxes, achegando riscos para os peóns por carecer este treito de beirarrúa en ámbalas dúas marxes”.
En virtude de todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista PSdeG-PSOE, fai ao equipo de Goberno do Concello de Ribeira o seguinte rogo:
1.- Que axilice os trámites para a realización de obras e traballos, co fin de evitar os atrancos deste tramo de vía, de acordo coa proposición aprobada pola Corporación Municipal de Ribeira.
2.- Que por parte da Delegación de Tráfico, se valore o sentido de circulación, e estacionamento, neste treito da rúa Cristóbal Colón.




