O BNG reúnese co comité de empresa da planta de Servia, en Lousame

24 Febreiro 2023

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, a deputada no Parlamento galego Rosana Pérez, o deputado na Deputación da Coruña Xosé Penas, e membros do BNG dos diferentes concellos que pertencen á Mancomunidade Serra do Barbanza: Brión, Rois, Lousame, Noia, Muros e Porto do Son, reuníronse hoxe 24 de febreiro, con membros do comité de empresa da planta de Servia, para explicarlle as iniciativas que presentaron no Congreso, para que o goberno do Estado considere a inclusión desta planta, e da de Nostián, na Coruña, dentro das excepcións da nova lei de residuos publicada a mediados
do ano pasado.
En palabras do deputado Néstor Rego, “renunciar ao modelo húmido-seco significa engadir aínda máis complicacións ao proceso de tratamento dos residuos nos centros de reciclaxe de Servia e Nostián, a pesar de que non hai razón ambientais que o xustifiquen e de que os datos indican que con este modelo se recicla moito máis.”
Con respecto aos datos que aparecen na nota interpretativa que emitiu o goberno, Jose Ángel Brantuas, presidente do comité de empresa, afirmou que o Executivo estatal “non reflexa datos reais, e ademais centra a súa análise de forma interesada en cifras do 2020, que estaban afectadas polo confinamento do COVID”. Brantuas recalca ademais que “non se pode calcular o éxito dun modelo que recolle os envases lixeiros de forma separada sen ter en conta na conta aqueles que van a outro contedor e non se recuperan a través do traballo manual”.
O BNG, a través da súa iniciativa no Congreso, insiste en que o modelo de Lousame cumpre a lei, xa que se pode enmarcar dentro das súas excepción, tal como indica a deputada Rosana Pérez, “a recollida separada suporía uns costes económicos desproporcionados, xa que os camións de recollida precisarían facer maiores recorridos, sobre todo nas zonas rurais, o que aumentaría a emisión de CO2”.
Outra das problemáticas que se trataron na reunión teñen que ver coa prórroga da concesionaria ante a finalización do contrato, xa que segue sen aclararse cales serán as condicións e se farán efectivos os investimentos necesarios. Sobre a mesa, tamén estivo a redacción duns novos pregos de contratación e unha auditoría para coñecer a situación real da planta de cara á incorporación de novos concellos como membros de pleno dereito.
A este respecto, o deputado do BNG na deputación da Coruña, Xosé Penas, mostrouse satisfeito de que por fin, e “malia o retraso que houbo en todo o procedemento desde que se solicitou a través dos acordos plenarios do conxunto dos concellos pertencentes á Mancomunidade, esta semana chegara a orde para comezar coa redacción dos novos pregos de licitación”, máis lamentou que “aínda non se trasladou, por parte da presidencia da Mancomunidade, a solicitude da subvención para unha máquina volteadora, tal como fora anunciado”.

Así, un representante dos traballadores recordou que “a primeiros do ano pasado o alcalde de Carnota, actual presidente da Mancomunidade, comprometeuse a convocar a asemblea xeral para tomar decisións respecto á situación da planta, xa que o contrato coa actual concesionaria remata en setembro deste ano, pero case un ano despois segue sen facelo, incumprindo os estatutos da mesma”.
Rosana Pérez incide en que “o BNG aposta polo modelo da Mancomunidade, que recicla máis e é máis respectuoso co medio ambiente, fronte ao de Sogama, polo que aposta a Xunta, que se limita a queimar o lixo.” “A viabilidade da planta de Servia e o mantemento do emprego na comarca dependen da vontade política dos alcaldes dos concellos que conforman a Mancomunidade, nomeadamente do seu presidente, que teñen que poñer en marcha unha xestión eficiente da planta, e obrigar á empresa a que se ocupe do seu mantemento, cousa que leva dez anos sen facer”. Finalmente, Brántuas trasladou a preocupación das traballadoras e traballadores da planta xa que “están deixando que todo se deteriore, non repoñen os camións e alugan outros pagando moitísimo ao mes, non invisten en mantemento, podían solicitar fondos europeos para mellorar as instalacións e a reciclaxe mais non o fan. Téñennos
abandonados, estamos moi desanimados”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión