Gonzalo, Jonsalo, Sarasquete, Gon. Nomes que lle das a un amigo. Gonzalo ao vivo, Jonsalo por teléfono; Sarasquete e Gon de troula e moi de cando en vez. Nomes que vas facendo teus nunha sorte de apropiación que é consecuencia natural dunha amizade mantida ao longo de moitos anos e que, pola miña parte, tiña moito de admiración. Unha admiración que foi sumando capas conforme medrabamos.
Por que eu admiraba moito a Gonzalo. De primeiras, cando nos coñecemos, admireime da súa forza e da súa afouteza. Unha afouteza que por veces tornábase temeridade, cualidade que, naquela altura, aos vinte e poucos anos, resultaba do máis atractivo: Gonzalo –esa impresión daba– era un home que non lle tiña medo a ninguén. E que medo iba ter se era quen de remachar unha punta cun puñazo ou de levantar no aire unha motocicleta Sanglas? Si, e que ademais tiña moto.
A segunda das capas de admiración coa que fun revestindo a Gonzalo veu se cadra da observación do seu facer. Do lapis á rebarbadora, do nivel á motoserra, Gonzalo era unha desas persoas que posúen unha habelencia innata para o traballo con calquera clase de ferramenta. Víalo xa no xeito de collelas, de sopesalas, de termalas na man. Á destreza no manexo das ferramentas sumaba Gonzalo un instinto espacial dunha rara precisión. O que agora precisa de decenas de horas de deseño asistido por computador el despachábao con catro bosquexos sinxeliños. E milagrosamente todo encaixaba, como encaixaron as pezas que conformaban aquela escultura monumental que houbo que construír por partes porque o camión do peixe que a levaba á Coruña era pequeno de máis.
Mais non era só o proceso, o xeito de traballar. A miña admiración por Gonzalo sustentábase, aínda máis firmemente, na súa obra artística. O produto logo dunha reflexión e dunha práctica esforzada, construídas sobre unha base conceptual e teórica moi sólida que el, por pudor intelectual, trataba de disimular ou mesmo de escamotear cun sentido do humor, por veces descarnado, por veces incómodo. Gonzalo era quen de reclamar como inspiración a xeometría vagamente hexagonal dos callos de tenreira e de gardar no peto da gabardina envoltas e panos de papel mostras collidas nas tabernas nas que os daban de tapa (co fácil que tería sido recorrer á proporción áurea!). Mais Gonzalo pertencía a esa caste de artistas que penso caracteriza aos grandes escultores deste pais, que son o resultado natural dos oficios manuais das culturas nas que se mesturan a ribeira e o agro. Unha liña de transmisión, unha liñaxe de traballo manual autosuficiente que se manifesta no oficio (da madeira, da lousa, da pedra…), e no acatamento dunhas leis non escritas da composición e das proporcións. Mesmo se a peza ficaba encastada nunha caixa de peixe de plástico, a impresión era de que estabas a contemplar algo abstraído do tempo. Moitas das súas esculturas poderían formar parte, directamente, sen adaptación ningunha, dos remates dunha ermida románica da montaña de Lugo, ou dos casetóns dunha fachada barroca compostelán.
A última das capas de Gonzalo estaba en proceso de cristalización. Viña collendo forma ao longo destes últimos anos de transhumancia horizontal entre Palma e Ribeira e comezou a manifestarse nunha crecente preocupación pola natureza. Preocupáballe a sobrepesca e o declinar das gaivotas. Preocupáballe a extinción da megafauna e as consecuencias do quecemento global. Darase pescado o último dos patagullos? A que altura chegarían as lapas e os caramuxos se se derretese o casquete de xeo de Groenlandia?. Gonzalo estaba a converterse nun sabio. A transformación evidenciábase no progresivo pouso do seu discurso, vital e artístico, no crecente dominio das eivas do carácter, no xeito de coidar e acompañar á súa nai Mercedes e, sinaladamente, na súa transformación en cronista, en bardo. Ou sexa, en transmisor oral da memoria colectiva da Ribeira do seu tempo. Cando te dabas de conta levabas unha hora na terraza do Albatros escoitándolle fiar contos protagonizados por seres extravagantes aos que retrataba con cariño de nostalxia. E aí foi que marchou, no medio desa mudanza decidida e sen volta atrás cara á sabedoría. Cunha ferramenta na man.




