O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe a apertura de prazo para solicitar as axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos. Con este motivo, Conde visitou en Monforte de Lemos Electrodomésticos Domínguez, un dos 419 establecementos que xa están adheridos a esta convocatoria -76 da provincia de Lugo- que permanecerá aberta ata que se esgote o crédito, sendo a data límite o 30 de setembro.
Tal e como explicou, o programa de axudas ten un dobre obxectivo: contribuír a que 20.000 familias galegas poidan adquirir electrodomésticos máis eficientes e reducir a factura eléctrica dos fogares, así como dinamizar as vendas no comercio de proximidade. Neste sentido, os comercios interesados poden adherirse ata o 30 de xuño.
A convocatoria conta cun orzamento de 3M€ -un 50% máis que en 2022- e está enmarcada no Plan de medidas específicas para o comercio galego. Os apoios están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.
As axudas son de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e tramitadas a través de entidades colaboradoras. Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.
Con esta convocatoria prevese unha mobilización de 10,5M€, aforros económicos anuais de 800.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 4000MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 60.000 árbores e o mantemento ou creación de preto de 150 postos de traballo, entre directos e indirectos.
Con esta liña de apoios a Xunta aposta novamente pola transición enerxética e promove un cambio cultural que proporciona ás familias as ferramentas necesarias para promover un consumo responsable e o fomento da eficiencia enerxética.
Estas axudas alcanzan a súa cuarta convocatoria consecutiva desde 2020, posibilitando nos tres últimos anos un total de 45.622 actuacións, o que serviu como medida para reactivar a actividade comercial e facer fronte tanto aos efectos da pandemia neste sector como aos elevados prezos enerxéticos.