A senda entre Punta do Laño e o Porto Fenicio (Aguiño) reforza o itinerario costeiro de Ribeira

27 Febreiro 2023

O Concello de Ribeira revitalizou as contornas costeiras da Covasa e Couso (Aguiño) a través dunha senda peonil que une a Punta do Laño e o Porto Fenicio, en Aguiño. Este treito completa o itinerario peonil entre a zona do Transporto, no Porto de Aguiño, e Punta Couso. O percorrido supuxo, en palabras do Concello, “poñer en valor toda a paisaxe natural e os elementos patrimoniais da marxe costeira do concello para uso e goce dos seus veciños e visitantes”.

A senda, creada no marco da EDUSI Máis Ribeira Atlántica, conta con 443 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho e enlaza coa pasarela de madeira de 2.500 metros xa existente entre Porto Fenicio e O Couso. Na práctica “supón un paso máis na mellora e na revitalización dunha zona de Ribeira que ten especial interese patrimonial e turístico para veciños e visitantes”, engadiron fontes do Goberno local.

O Concello engade que estes traballos de mellora da franxa litoral de Ribeira forman parte dun plan cuxo obxectivo é “fomentar unha oferta variada de coñecemento e de goce das actividades marítimas e pesqueiras, ademais de poñer en valor e conservar a riqueza patrimonial da cultura mariñeira”.

Doutra banda, tamén contribúe a “preservar este sector do litoral da urbanización, mantendo o seu aspecto natural e alto valor turístico e recuperando a súa calidade ao garantir o libre acceso e uso público da costa, ademais de potenciar o seu uso como espazo de lecer e de benestar da poboación”. Este tipo de medidas de protección da paisaxe, apuntan fontes do Consistorio, “están orientadas á súa utilización como atractivo turístico e potencian os seus importantes elementos patrimoniais, como o singular Porto Fenicio e os restos do antigo almacén de salgadura da Covasa”.

Porto Fenicio e Aguiño

A contorna do Porto Fenicio é unha zona de gran valor natural e patrimonial, habendo estudos que sosteñen que se trata de restos dun porto construído polos fenicios para faceren escala nas súas viaxes comerciais entre os séculos VIII e XII antes de Cristo.

Pola súa banda, Aguiño é un núcleo que ten unha longa tradición pesqueira e de actividades vinculadas ao mar e aos seus recursos e conta cun patrimonio mariñeiro de gran valor cultural e histórico.

O motivo do asentamento e ocupación do litoral de Aguiño foi a instalación a partir do ano 1770 de varios almacéns de salgadura no mesmo lugar no que actualmente se encadra a fachada costeira do pobo. Ese mesmo ano, establécese na illa de Sálvora a primeira fábrica de secado e de salgadura de peixe en Galicia e comezan a chegar a Aguiño xentes doutras parroquias e núcleos veciños que abandonan o traballo agrario para adicarse á pesca. A instalación de máis fábricas, a pesca, o marisqueo, a implantación de industrias paralelas de conservas ou depuradoras de moluscos e a mellora do porto converten a Aguiño nun referente da comunidade pesqueira.

Na actualidade, a zona engade ao seu valor histórico e patrimonial un gran potencial turístico e ofrece, ademais, excelentes vistas da costa atlántica, con illas como Vionta, Sagres e Sálvora.

Elementos patrimoniais destacados da senda

Comezando a senda dende a zona coñecida como O Transporto, próxima ao Porto de Aguiño, atopamos primeiro o Porto Fenicio de Aguiño. Na pequena enseada da Covasa atópase un espigón de grandes perpiaños (sillares) dispostos en tres longas ringleiras que se prolongan 70 metros ata entrar no mar. Pechando o peirao e xa en terra firme, hai un muro de 22 metros de longo, tamén realizado con grandes perpiaños de granito, que se dispón de xeito transversal ao peirao e onde se aprecian rebaixes que parecen corresponder a restos de tubaxes así como un sistema de acceso por escaleiras.

Do antigo almacén de salgadura da Covasa quedan pedras semisoterradas e algunhas pezas de cantería que é posíbel que fosen utilizadas para a fase de prensado.

Na zona de Couso, ademais das novas instalacións conserveiras, consérvanse unha serie de almacéns de grande importancia na economía de Aguiño, onde se salgaba a sardiña a comezos do século XIX. Posteriormente, converteuse nunha fábrica de conservas e funcionou durante uns anos coma restaurante.

A carón do almacén hai un alpendre que era utilizado polos mariñeiros para gardar pezas e utensilios de pesca e dornas. Neste lugar tamén se facían as reparacións das dornas e a costura de redes. Estes edificios están situados na beira da praia de Couso.

Actuacións realizadas

O novo trazado entre Punta do Laño e Porto Fenicio adáptase ao camiño que xa existía, evitando facer movementos de terras que alterarían o aspecto e os hábitats da zona. As melloras realizáronse en dous tramos diferenciados:

• Nun primeiro treito, de 300 metros de lonxitude, formado por 17 centímetros de saburra natural ZA-0/32 e 8 centímetros de espesor na capa de coroación, que conta con pavimento de xabre-cemento con árido de granulometría 0-5 da zona. Tamén está impermeabilizado e estabilizado.

• Nun segundo tramo, de 143 metros de lonxitude, composto por 25 centímetros de saburra natural ZA 0/32.

En ambos os dous casos, o pavimento está delimitado lateralmente con beiras de madeira de 25×10 centímetros e transversalmente, cada 10 metros, con beiras das mesmas dimensións que permiten conter mellor o pavimento fronte á escorreduras da choiva.

Investimento

Esta operación enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, dentro do Programa Operativo de Crecemento Sustentábel (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) FEDER 2014-2020).

Máis concretamente, inclúese nos traballos realizados dentro da operación de Recuperación e de adecuación de sendas e de paseos para a posta en valor do Patrimonio Natural e Cultural de Ribeira, que se adscribe á Liña de Actuación LA14 de Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico, dentro do Obxectivo Temático 6 Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos.

O investimento total previsto para esta actuación é de 800.000 €, do cales cales 640.000 corresponden a fondos FEDER, mentres que os 160.000 € restantes son achegados polo concello de Ribeira.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.