Os membros da Corporación Municipal de Ribeira e moitos traballadores do Concello gardaron na mañá deste 9 de febreiro un minuto de silencio nos soportais da Casa Consistorial, un cuarto de hora antes de que dera comezo o pleno extraordinario e urxente previsto para a mesma xornada. O acto foi convocado polas forzas políticas do concello con motivo de expresar a repulsa dos comparecentes ante o asasinato machista que tivo lugar os días pasados en Baiona (Pontevedra).

Lembrar que á concentración deste 9 de febreiro sumouse un día antes a celebrada no mesmo lugar, na praza do Concello de Ribeira, pola asociación feminista Mulleres en Acción da Barbanza, cuxas integrantes mostraron a súa firme e absoluta repulsa contra o acontecido no concello pontevedrés. Segundo lembrou a entidade feminista, “malia todo o traballo realizado, séguennos matando, a violencia machista continúa aí e actúa cando as mulleres queren ser libres, cando deciden rematar unha relación, cando emprenden unha nova. Por iso queremos alzar a nosa voz, unha vez máis. Facémolo con moita dor, pero tamén coa esperanza de que o terrorismo machista vaia desaparecendo a medida que a nosa sociedade se vaia volvendo máis igualitaria e máis xusta”.




