UXT denuncia o estado no que se atopa o edificio xudicial de Noia, que cualifica de “lamentábel”

13 Xaneiro 2023

O sindicato UXT emitiu un comunicado no que alerta do estado de deterioro no que se atopa o edificio xudicial de Noia, unha situación que a organización de traballadores denunciou en xuño do ano pasado ante a Valedora do Pobo e que se viu agravada esta semana, este xoves 12 de xaneiro, co esboroallamento de parte do teito nunha das dependencias do inmóbel que estaba sendo obxectivo de traballos para mudar o sistema de iluminación.

“Por desgraza”, informa UXT, “esta situación non é nova, e estes mesmos feitos xa aconteceron hai uns anos no despacho dunha maxistrada, na que tamén se derrubou en bloque o teito e máis o falto teito da escaleira do edificio”. O sindicato denuncia tamén que as obras acometidas até o de agora “deixan moito que desexar, dado que as humidades volveron a aparecer en menos dunha semana”. E engade: “Hai uns días, por mor do mal estado do edificio producíronse filtracións de auga que provocaron danos relevantes na oficina dos procuradores, chegando a quedar completamente inutilizada”.

Para UXT, o edificio xudicial de Noia incumpre de “forma flagrante” a normativa sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde que deben dispoñer os lugares de traballo en canto ás condicións construtivas, orde, limpeza e mantemento, sinalización, instalacións de servizo ou protección, condicións ambientais, servizos hixiénicos e locais de descanso, e material e locais de primeiros auxilios.

A organización sostén que de forma xeneralizada,incúmprense as seguintes condicións xerais de seguridade:

1. “A prohibición de sobrecargar os elementos estruturais. É especialmente grave a situación na que se atopa o arquivo situado na bufarda do edificio, completamente abarrotado de andeis e expedientes, e polo que a duras penas é posíbel transitar”, explica UXT.

2. “As dimensións dos locais de traballo non permiten que os traballadores realicen o seu traballo sen riscos para a súa seguridade e saúde e en condicións ergonómicas aceptábeis. Incúmprense as dimensións mínimas de superficie libre por traballador e a separación entre os elementos materiais existentes no posto de traballo non é abonda para que os traballadores poidan executar o seu labor en condicións de seguridade”, sinala o sindicato.

3. “Quebrántase a normativa no relativo ás vías e saídas de evacuación xa que a disposición de acceso e saída do edificio impide que, en caso de perigo, sexa posíbel evacuar todos os lugares de traballo rapidamente e en condicións de seguridade, incumpríndose igualmente a obrigación de que as portas de emerxencia”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...