Turismo de Ribeira vai activar a partir deste xoves 26 de xaneiro unha campaña para achegar á veciñanza os múltiples recursos e atractivos de todas as parroquias do municipio. Así, baixo o título de Explora Ribeira: 9 parroquias, 9 encantos, lanzarase a través das redes sociais un vídeo diario centrado en cada unha das mesmas.

A iniciativa foi presentada este mércores 25 no Centro Lustres Rivas polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, xunto coa técnica municipal Sandra Fernández, quen sinalou que logo da promoción internacional emprendida a semana pasada en FITUR a través da mancomunidade Barbanza Arousa, o seu departamento quixo principiar o ano “cunha acción enfocada no turismo de proximidade coa finalidade de que os propios residentes no concello e zonas limítrofes teñan a oportunidade de descubrir e desfrutar daquilo que lles rodea afondando en lugares próximos no seu tempo de lecer”.
Segundo explicaron, cada peza audiovisual ten unha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, aproximadamente. Serán indo desveladas unha por xornada a partir deste 26 de xaneiro durante nove días nas contas de Facebook, Instagram e YouTube de Turismo de Ribeira e nas pantallas dixitais da cidade. A modo de exemplo, proxectáronse no Lustres Rivas as creacións correspondentes a Aguiño, Oleiros e Palmeira.
Manuel Ruiz sinalou que “máis aló da próxima posta en marcha dos Plans de Sostibilidade Turística do Concello e da mancomunidade, os propios veciños teñen que ser os verdadeiros embaixadores de quen nos visita, algo realmente difícil se non se coñece o propio concello”. E engadiu: “Hai moitos ribeirenses que fóra da súa parroquia descoñecen a cantidade de potencialidades e recursos que teñen; de aí iniciativas como esta: para que todos teñamos un coñecemento axeitado dos nosos máis de 60 quilómetros cadrados”.
O alcalde manifestou o seu desexo de que á veciñanza lle guste a iniciativa e animou a compartir estes vídeos para dar a oportunidade de que cheguen a máis xente.



