Seguindo a liña do acontecido no Fórum Gastronómic, os produtores e produtoras que están a participar en Madrid Fusión no stand da Deputación da Coruña salientan os bos resultados en canto a contactos comerciais. Neste congreso especializado en alta gastronomía, os principais contactos que están a realizar as seis marcas presentes no stand da institución provincial céntranse en ampliar as liñas de distribución a nivel estatal.
“A estratexia turística que estamos desenvolvendo baixo a campaña ‘A provincia que sabe’ debe estar presente en foros deste tipo, que funcionan como circuítos moi profesionalizados e onde estamos vendo que os nosos produtos culinarios son apreciados e demandados pola súa calidade contrastada”, asegura o vicepresidente da Deputación. “Tanto o sector como a Deputación estamos facendo historia poñendo a gastronomía da Coruña ao mesmo nivel que os grandes territorios gastronómicos do resto do Estado”, engade Xosé Regueira.
Neste sentido, Xosé Regueira explica que “Madrid Fusión é o primeiro gran evento destas características deste ano, nun calendario de encontros profesionais fóra da Coruña que iremos desenvolvendo nos vindeiros meses e dos que xa podemos adiantar que unhas das próximas citas terá lugar en Euskadi”.
Convén lembrar que nesta edición de Madrid Fusión, no stand institucional da Deputación da Coruña están presentes a Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxia), A Conserveira Ribeira), La Despensa D’Lujo (Coristanco), Costumes Galicia Empanada Artesá (Carballo), Queixería Galmesán (Arzúa) e Choiva Viños (viños da I.X.P. Betanzos e da I.X.P. Barbanza e Iria).
Ademais de afianzar a súa relación con clientes presentes en Madrid Fusión, a maioría das empresas coruñesas ampliaron a súa rede de contactos no ámbito da distribución estatal. No caso de Choiva Viños tamén iniciou contactos para abrir novas vías de negocio internacional, centradas en circuítos de distribución nos mercados europeos.
O stand da Deputación da Coruña tamén contou con visitas de grandes nomes da cociña con Estrela Michelín, como a valenciana Susy Díaz e os cataláns Hermanos Torres, quen aproveitaron para degustar os produtos e coñecer aos produtores e produtoras persoalmente.