
A Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de oito centros educativos cos premios terceira edición dos premios Innovagal , que avalan o compromiso dos colexios e institutos coas boas prácticas en innovación educativa. O obxectivo é impulsar o desenvolvemento deste tipo de iniciativas e crear unha
rede de colaboración entre os centros que fomenten a formación continua do profesorado.
Así mesmo, búscase promover o papel da comunidade educativa e da innovación neste eido como motor de transformación social.
Os centros galardoados na categoría A, correspondente a Infantil, Primaria, Educación especial e aos o colexios rurais agrupados son, co primeiro premio, o CRA Mestre ManuelGarcés (Tomiño), co segundo o colexio CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) e co terceiro premio o colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía). O CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) recibe o accésit.
Na categoría B, correspondente a centros públicos integrados, institutos e centros públicos de educación e promoción de adultos, o primeiro premio é para o instituto IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas), o segundo para o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) e o terceiro para o IES Praia Barraña (Boiro). O accésit recae no centro de educación e promoción de adultos do centro penitenciario da Lama, en Pontevedra.
IES Praia Barraña
O IES Praia Barraña (Boiro) segue unha metodoloxía de aprendizaxe activa arredor dunha serie de medidas que buscan mellorar o desarraigo coa tradición e a memoria, contrarrestar os efectos da educación rápida e loitar contra a radicalización dos discursos excluíntes, os malos hábitos e o individualismo. Cabe destacar que o centro colabora con outras institucións, entre elas o centro de día co que desenvolven o Proxecto Amarre no que os maiores acoden ao instituto para traballar na horta escolar xunto co alumnado.
O instituto tamén oferta unha serie de actividades extraescolares que pretenden aportar unha alternativa cultural relacionada con que este instituto sexa o único centro da contorna que ten a modalidade de Bacharelato de Artes.