O Concello de Ribeira adxudicou os traballos para a apertura e urbanización do tramo final da rúa Barbanza. Trátase, en palabras do Consistorio, “dunha iniciativa para mellorar as condicións de accesibilidade e funcionalidade da zona, próxima ao parque de Centenario e ao barrio das Abesadas”.

O novo treito habilitarase pola parte posterior do auditorio arestora en construción, o “que vai permitir a desconxestionar o tráfico e mellorar o acceso dende a avenida da Constitución ata o lugar onde se sitúan os Xulgados e a sede da Policía Local”, engadiu o Concello.
De entre as once ofertas presentadas, a empresa adxudicataria foi Transmaser Excacaciones, S.L., supoñendo unha inversión de 56.205,86 euros, IVE incluído.
O novo tramo conta cunha lonxitude de 60 metros e un ancho de 12,50, distribuídos en dous metros de beirarrúa en cada unha das marxes e unha calzada de 8,5 metros.
Ademais, as obras inclúen a instalación dunha rede de saneamento a través de unha tubaxe de PVC lisa de 315 milímetros de diámetro e outra de pluviais cunha canalización de PVC corrugada do mesmo grosor. Amais, habilitarase unha tubaxe de polietileno de 90 milímetros para auga para consumo.
A intervención ten un prazo de execución de dous meses.



