“Ata sempre, Arcadio Silvosa” – Xulio Xiz

11 Xaneiro 2023

El País titulou: “Muere Arcadio Silvosa, leyenda del periodismo en Lugo”. E un queda pensando que é verdade, que para o xornal do que foi correspondente, para os lectores dos xornais, para os oíntes da radio, para os televidentes… Arcadio Silvosa foi unha clamorosa realidade, historia recente, intelixencia activa, e agora que fisicamente se nos foi, entra na lenda.

Pero para os que o coñecemos de preto, os que o vimos escribir e soñar, aprender e ensinar, medrar e facerse grande da comunicación, era o compañeiro perfecto, ledo e risoño, socarrón e intelixente, de mirada que o dicía todo, porque expresaba a inmensidade do que lle cabía no corazón.

Era o máis novo dos que pisábamos o pequeno fogar do Ideal Gallego no Campo Castelo no final dos setenta; viña de Castro de Rei á capital da provincia, e conquistou a todos os que tiñamos algunha relación cos medios coa súa inocencia, naturalidade, sinceridade, alma grande… Era unha boa persoa e un gran profesional. Era un sorriso, ollada limpa, palabra de paz, seriedade garantida, e un humor intelixente, contaxioso, chispeante, socarrón…

Foi un elemento imprescindible naquela aventura que se chamou Televisión Lugo. Fíxose admirar por todos; foi amigo de todos, gastou bromas e recibiu bromas, quedando marcado na nosa memoria para sempre o día, luns de entroido, no que para o seu programa a maquilladora lle pintou dous coloretes vermellos que el non veu ata o remate, sendo o primeiro dos que riu pola situación. Por iso cando se meteu en política escribín que a Arcadio, para sacarlle as cores, había que pintarllos primeiro. Arcadio era un gran tipo. Sen dobreces. E agora entra na lenda.

Desfutaba co traballo de informador, o deporte era a súa vida, escribir ou falar de deportes e de deportistas acreditaba vocación, coñecementos, relación, vivencia… E a incursión na política deulle más amigos, un novo campo de acción, un ámbito diferente – difícil; non para el – no que tanta falta fan Arcadios para humanizar as relacións.

Chamábame Polifemo, coma o xigante dun só ollo na fronte, coa naturalidade que merecen as verdades meridianas. Ninguén máis mo ten chamado, e ríase coma un tolo cada vez que o comentabamos, e eu alegaba que teño unha vista que “non a merezo, pero é unha graza de Deus”.

Estou certo que a Arcadio, xa lenda á vez que historia certa, en lugar destacado do ceo dos galegos ao que acceden os bos e xenerosos, halle gustar que lembre aquí o agarimoso apelativo que tivo a ben asignarme. Descansa en paz, compañeiro amigo. E a ver se nos vemos algún día.

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.