A Deputación financiará en 2023 con 550.000 euros os servizos de normalización lingüística dos concellos da provincia

10 Xaneiro 2023

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases reguladoras da convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña dirixida aos concellos, agrupacións de municipios, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística en 2023. A Deputación, a través da área de Normalización Lingüística, que xestiona a deputada María Muíño, destina 550.000 euros, dos que cada beneficiario poderá recibir un importe máximo de 18.750.

Poderán participar todos os concellos da provincia de 5.000 ou máis habitantes ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima de residentes. As solicitudes presentaranse de xeito telemático,  na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTeL). O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais desde o día seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións

En 2022, 34 concellos de toda a provincia contaron con persoal técnico especializado para a promoción do galego a través desta liña de axudas, para a que a Deputación reservou unha achega de de 489.737,14 euros.

“A través desta convocatoria queremos contribuír á profesionalizar e apoiar o traballo que desenvolven os servizos de normalización lingüística dos concellos, as institucións que están máis cerca da veciñanza, que é fundamental para avanzar no uso da nosa lingua”, sinalou María Muíño.

Entre as funcións xerais e de dinamización dos servizos están asesorar a administración en materia de política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación, fomentar o uso do galego na sociedade; planificar, xestionar, executar e avaliar accións favor da lingua, propoñer programas dinamizadores ou coordinar redes de traballo para o fomento da nosa lingua.

O servizos teñen tamén funcións de formación entre as que se atopan planificación, coordinación e realización de cursos, a difusión de materiais para promover o uso do galego ou a colaboración no deseño de programas de formación a favor do galego. Os obxectivos inclúen, ademais, contribuír á mellora da calidade lingüística e comunicativa da administración ou resolver dúbidas e normalizar a imaxe da institución con respecto á lingua.

As bases pódense consultar e descargar na seguinte ligazón: https://bit.ly/3QIdPlT

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...