O Concello de Rianxo compartiu os datos guindados pola auditoría municipal do abastecemento de augas no que, entre ouros parámetros, tentábase dilucidar a porcentaxe de perda de auga no termo municipal, con vistas a avanzar nun uso racional, sustentábel e eficiente da mesma. Logo de ter sido elaborada Auditoría de Control de Fugas, a investigación puxo de manifesto que o rendemento hidráulico do Abastecemento de Rianxo en 2021 foi dun 88,16 % (porcentaxe de perdas dun 11,84%).

Na análise de recursos feita por Viaqua (auditoría que se pode consultar en liña en todos os seus detalles) faise saber que “de acordo coas medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, onde se establece como valor obxectivo para o rendemento o 80%, o caso de Rianxo indica que a actual xestión do sistema considérase adecuada”. Porén, tamén se recomenda o establecemento, parte do Concello, “dun plan de actuacións específico que indique o compromiso técnico e financeiro coas obras de mellora e renovación de tubaxes que sexan necesarias no sistema para o mantemento e mellora do rendemento”.
Conclúese aconsellando “non esquecer a importancia dunha vixilancia constante do rendemento do sistema e alentar un consumo responsable dos recursos hídricos”.