A portavoz de pesca do BNG, a pobrense Rosana Pérez, formulou unha pregunta ao Goberno autonómico sobre os efectos das especies depredadoras sobre os bancos de cultivos das rías galegas que están a provocar, dixo, “graves problemas económicos sobre o sector marisqueiro”.
Na súa intervención, Rosana Pérez explicou que hai máis de dez anos que o Centro de Investigacións Mariñas-CIMA realizou un “estudo sobre as técnicas de prevención e protección das principais especies depredadoras dos recursos dos bancos naturais e zonas de cultivo do litoral e as rías galegas”, e analizou o comportamento da aguia mariña ou “ouxa” pola súa “grande capacidade depredadora”. Porén, engadiu, a Consellaría do Mar “nunca tomou en serio a erradicación ou control deste peixe sen valor comercial e que a día de hoxe representa un verdadeiro problema para os bancos marisqueiros das rías, sobre todo na ría de Arousa”.
As ouxas, afirmou a nacionalista, son un dos principais depredadores de ameixa, sobre todo babosa, e o propio sector ten intentado levar a cabo algunha actuación para reducir a súa poboación, mais, ata o de agora, sen éxito, polos medios e esforzos que require.
En palabras de Rosana Pérez, “a falla de medidas levou a que nestes momentos a poboación de ouxas xa se teña convertido nunha ameaza real, que afecta de xeito importante á merma de produción de ameixa, berberecho e navalla”.

A parlamentaria lembra que o pasado verán, tras unha reunión da Consellaría do Mar con diferentes confrarías, decidiu elaborar un un estudo para acadar algún tipo de solución. Así, as grandes cantidades de ameixa e berberecho que serven de alimento ás ouxas levaron incluso a que o sector a elaborara un plan de eliminación, ou cando menos control do depredador, mais “esta posibilidade non parece polo de agora viábel por tratarse dunha especie suxeita a TAC por parte da Unión Europea”, dixo Rosana Pérez, reflectindo tamén declaracións da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, nas que recoñecía a devandita protección pero, a xuízo do BNG, “eludiu ofrecer algunha solución ao control da dita especie”. A deputada reiterou que as medidas iniciadas polo sector non “deron o resultado positivo” e “as medidas da consellería resultan insuficientes” polo que volveu a reclamar “unha actuación urxente da Consellería” contra o que o sector cualifica de “praga”.