Rianxo vai acoller este sábado 5 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (o 25 deste mesmo mes), un obradoiro que pon o foco nas moitas facianas que o maltrato, o sexismo e a discriminación adoptan nos novos medios, na publicidade, nas redes sociais e, en xeral, na comunicación. O obradoiro Marketing e violencia de xénero tamén incidirá no compoñente machista de moitas campañas que pretenden contribuír a visualizar e denunciar este problema.
A actividade apóiase sobre as seguintes cuestións: Como persoas destinatarias destas campañas detémonos a pensar no enfoque do que transmiten? Por que algunhas nos semellan máis acertadas que outras? Como fariamos nós a nosa propia campaña para o 25 N?
“Este obradoiro”, explica o Concello de Rianxo, “pretende ser un lugar de análise, reflexión e posta en común de ideas para atopar os nosos propios lemas”.
A actividade terá terá unha duración de 90 minutos. Estará dividida en tres partes: unha primeira
informativa, unha segunda de análise e debate e unha terceira de creación dos lemas. Esa é a parte
fundamental do obradoiro, pois busca que as persoas asistentes participen de maneira activa. Na xornada de traballo contarase con datos que acheguen ás persoas asistentes á situación das mulleres fronte á violencia de xénero, analizaranse cartaces e campañas, así como outras estratexias publicitarias. Finalmente, traballarase de maneira conxunta na redacción dos nosos propios lemas, partindo das ideas xurdidas da conversa.
O obradoiro está destinado a persoas de 15 anos en diante e sen límite de idade, tanto homes como mulleres, “pois é fundamental o papel de toda a sociedade en conxunto”, explica o Concello.
Será impartido pola escritora María Lado, que conta cunha longa traxectoria como poeta, narradora e autora de xéneros variados que van dende o teatro ao guión. Así mesmo, e dende hai máis de 10 anos, imparte diversos obradoiros e charlas, tanto no eido da comunicación literaria como non literaria, onde explora a relación entre a linguaxe e xénero, así como o valor da linguaxe para mudar a sociedade.
Levarase a cabo o sábado 5 de novembro as 11:00 da mañá no Auditorio Municipal.