O Concello de Outes reedita un ano máis o programa de actividades O noso Nadal, co que pretende “promover o uso da lingua galega, a creatividade e a decoración das vivendas e comercios no tempo de Nadal”, informou o equipo de Goberno local, engadindo que haberá dous concursos. Por unha banda o de postais, que ten o obxectivo de “estimular a creatividade, a inventiva e o uso da lingua galega entre os máis cativos da casa” pero tamén entre as persoas adultas, pois hai diferentes categorías que abranguen a toda a poboación. Os premios deste certame consistirán en varios lotes de libros en galego e 300€ que se poderán gastar no comercio do concello. “Esta é unha actividade que, ademais de promover o uso do galego, entre a poboación en xeral, e entre a mocidade e infancia, en particular, preténdese involucrar aos pais, nais, avós e avoas para que sexa unha actividade interxeracional” informou o técnico de normalización lingüística, Luís Pérez Barral.

O segundo dos concursos será o de decoración de Nadal que promove que tanto veciñanza en xeral como negocios decoren escaparates, xanelas e fachadas. O xurado valorará a creatividade, a orixinalidade, combinación de cores, composición, iluminación así como o uso da lingua galega. Haberá un primeiro premio de 200 euros e un segundo valorado en 100 euros.
As persoas interesadas poderán participar inscribíndose no concurso de postais na Casa da Cultura da Serra e no de decoración na casa do concello até o 20 de decembro.
Toda a información dispoñíbel na web municipal.




