O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, impulsado pola Fundación RIA (con sede principal en Corrubedo e impulsada polo arquitecto David Chipperfield), vai organizar unha xornada aberta e participativa sobre os desafíos actuais dos montes veciñais.
A través das intervencións de Xesús Balboa (Universidade de Santiago), Xavier Simón (Universidade de Vigo) e Rubén Leboreiro (director de EDAFOTEC) e dun debate posterior cos asistentes, abordaranse a traxectoria xurídica da propiedade comunal e o papel dos montes veciñais na transición ecolóxica (a enerxía eólica e a captura de CO2). “Aínda que a xornada vai dirixida ás comunidades de montes, de seguro que será relevante para outras persoas interesadas nestes temas”, informan dende o Laboratorio, engadindo que a entrada é libre até que se complete o aforo. Non é necesaria a inscrición. A cita será este mércores 30 de novembro no Auditorio Municipal de Rianxo, a partir das 19.00 horas.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto de investigación-acción para apoiar e ampliar iniciativas de xestión sostible do territorio promovidas polas comunidades locais co obxectivo de que poidan converterse en exemplos inspiradores para outras persoas e entidades. O proxecto é froito dunha colaboración entre Fundación RIA, a Fundación Banco Santander e a Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Cátedra Juana de Vega, para recuperar o coñecemento local ao que se lle deu as costas nas últimas décadas.
O proxecto, centrado na península do Barbanza en Galicia, desenvolveuse en dúas fases: investigación e acción.
Ademais da consulta de numerosas fontes documentais, a fase de investigación baseouse na realización de trinta entrevistas a máis de 50 persoas de 3 comunidades da comarca (Laíño, Froxán e Baroña). Isto, indican dende Laboratorio, “permitiu coñecer as formas de xestión do territorio que se deron historicamente, as transformacións que sufriron estes territorios nos últimos 70 anos e os principais problemas aos que se enfronta a poboación rural no desenvolvemento das súas actividades”.
A segunda fase do proxecto, a acción, comezou coa aplicación das leccións aprendidas durante a investigación mediante unha convocatoria aberta para o fomento de iniciativas sustentábeis e innovadoras (denominadas proxectos sementes). A iniciativa recibiu 15 proxectos, que destacaron pola “súa calidade” e puxeron de manifesto “a existencia dun gran potencial para promover o desenvolvemento da comarca por parte da comunidade local”, explican dende o Laboratorio. Os 3 proxectos seleccionados recibiron unha dotación de 5.000 € cada un para recoñecer o seu traballo e promover o seu desenvolvemento e amplificación.
Todo o proceso e os seus resultados foron amplamente difundidos a través da creación da web barbanzaecosocial.org, das redes sociais do proxecto, do libro Cando eramos sostibles e de aparicións en prensa.
En 2022 e 2023, o Laboratorio centra a súa actividade no apoio das iniciativas locais na braña de Laíño e nos montes de Rianxo.



