Galicia valora o recurso do Goberno central ao veto á pesca de fondo e solicita a súa suspensión

16 Novembro 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou que o Goberno central presentase o recurso contra o veto á pesca de fondo establecido pola Comisión Europea e agradeceu este traballo ao que Galicia trasladou a súa achega co obxectivo de fundamentalo. Non obstante, a titular de Mar defendeu a necesidade de que
o Executivo estatal solicite a suspensión temporal desta prohibición pois é unha medida arbitraria e sen base científica que está a ter un importante impacto na actividade da frota, polo que esta suspensión “sería un bo respaldo para o sector”.
Así o sinalou a titular de Mar trala Conferencia Sectorial e Consello Consultivo de Pesca celebrados hoxe en Madrid. Alí Rosa Quintana tamén explicou que, segundo trasladou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, polo momento non é posible coñecer o recurso presentado polo Executivo estatal porque as normas dos tribunais comunitarios o impiden e que nunhas semanas publicarán as liñas xerais de fundamentación. Nese momento, subliñou a titular de Mar, Galicia poderá valorar a liña argumental que seguiu o Goberno central.
Non obstante, os diferentes asesores xurídicos consultados pola Xunta aseguran que existen grandes posibilidades de que prospere e que o Tribunal poida deixar sen efecto este regulamento de execución da Comisión Europea. Nesta liña, o Goberno galego agarda que as aportacións realizadas por Galicia axuden a acadar os mellores resultados posibles de maneira que o recurso prospere.
En canto ao impacto que está a ter o veto á pesca de fondo en Galicia, Rosa Quintana sinalou que no primeiro mes de restricións os datos provisionais reflicten unha caída de arredor do 50% nas descargas da frota e de máis do 20% no caso da facturación. Ademais esta prohibición provoca a saída da frota dunhas zonas de pesca nas que veu traballando durante décadas a outras nas que xa se atopan outros buques, co solapamento de áreas de traballo.
Neste sentido, a conselleira sinalou que Galicia seguirá apoiando ao Executivo estatal neste labor e tamén ao sector galego que recorrerá este veto e que neste caso ten de prazo para facelo ata o 15 de decembro. De feito, Rosa Quintana explicou que a Xunta está traballando para presentarse como coadxuvante do recurso da frota galega.
Na conferencia sectorial de pesca o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e os representantes das comunidades autónomas tamén abordaron as directrices de acuicultura na Unión Europea e a transición enerxética para o sector pesqueiro. Nesta última cuestión, Galicia defende a necesidade de abordar estudos para definir que novo combustible pode ser utilizado pola frota pesqueira e de promover medidas para facer máis atractiva a actividade á xuventude como a construción de buques cunha mellor
habitabilidade, máis seguros e adaptados ás esixencias relativas aos novos combustibles.

Concentración en Ribeira en defensa do sector de pescas de fondo

Outros artigos

ADISBISMUR planta medio cento de freixos no parque de Vista Alegre

Este xoves 23 de xaneiro as usuarias e monitoras da asociación ADISBISMUR, con centro principal de actividades en Outes, Muros e Mazaricos, plantaron 55 freixos no parque de Vista Alegre da Serra como parte das intervencións para a renaturalización do tramo urbano do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión