Detidos seis veciños de Noia en relación con 21 roubos en establecementos hostaleiros do Barbanza

A Garda Civil de Noia detivo a seis veciños da localidade coruñesa como presuntos autores de 21 delitos de roubo na zona, nunha operación denominada como Letmovil. Esta comezou o pasado mes de agosto por unha serie de furtos en bares e cafeterías da comarca do Barbanza, que estaban a xerar unha intensa preocupación aos veciños.

No transcurso da investigación o Equipo territorial de Policía Xudicial atopou probas que sinalaban á existencia dun posible grupo organizado responsable pola onda de roubos. A Garda Civil conseguiu así identificar plenamente aos integrantes da banda, seis veciños noieses que xa eran coñecidos polas forzas de seguridade por outras incidencias previas do mesmo tipo.

Os axentes conseguiron identificar e achar evidencias que relacionaban a uns veciños cos delitos, polo que solicitaron un Mandamento de entrada e rexistro nas vivendas. Nos tres domicilios nos que entraron os membros da Benemérita atoparon efectos relacionados con ata 21 roubos que se produciron na comarca.

Os detidos foron postos a disposición xudicial, que decretou o ingreso en prisión de dous dos presuntos autores.