A asociación ADISBISMUR (Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros) celebrou o seu 40 aniversario o pasado venres 25 na Casa da Cultura de Outes. Fíxoo acompañada por unhas duascentas persoas.
No evento participou a extensa familia da ADISBISMUR (persoas usuarias, familiares, colaboradoras, veciñanza en xeral) e máis os alcaldes de Carnota (Juan Manuel Saborido), Muros (Inés Monteagudo), Mazaricos (Juan José Blanco Riveiro) e Outes (Manuel González), amais do director xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia (Fernando González Abeijón), a deputada de Benestar Social e Educación da Deputación de A Coruña (Ana Lamas), e representantes do movemento asociativo da discapacidade de COGAMI (entre os que se atopa o seu presidente, o sonense Anxo Queiruga).
Constante superación de barreiras
“No ano 1982 un pequeno grupo de persoas con discapacidade, asociouse para buscar unha mellora na calidade de vida e 40 anos despois, estamos aquí as persoas traballadoras, directivas e usuarias, amais das familias, para celebrar que estas melloras son cada vez mais grandes”, sinalaron dende a asociación, engadindo que “estas catro décadas foron anos de constante superación de barreiras” até chegar “ao que somos hoxe, unha entidade sen ánimo de lucro que dá cabida a arredor de 50 persoas usuarias, axudándoas e aprendendo delas no día a día”. Foi, engadiron facendo balance da xornada,”un día máxico, emotivo, onde contamos vellas anécdotas e plasmamos o vivido o longo destes 40 anos”.
Dende a asociación quixeron dar as grazas aos alcaldes dos concellos da comarca, á deputada de Benestar da Deputación da Coruña, ao director xeral de Política Social, ao presidente da COGAMI, Anxo Queiruga, e aos presidentes/as das asociacións do sector.
O equipo de ADISBISMUR tamén fixo mención especial ás persoas usuarias da entidade, que son “o motivo polo que levamos traballando durante 40 anos”. Tamén agradeceu o apoio das familias “que nos acompañaron nesta andaina”, e das voluntarias e voluntarios que colaboraron para “que esta celebración se levara a cabo”.