A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou este martes 29 de novembro os detalles da edición 2022-2023 da súa Campaña de Nadal, que se desenvolve baixo o epígrafe Este Nadal, merca en Ribeira, merca connosco. Na cita cos medios participaron o presidente da patronal, Francisco Martínez Gude, e máis os concelleiros Javier Sampedro e Ramón Doval. Segundo destacou o presidente, repartiranse 5.000 euros en vales de compra. Amais, dixo, xunto coas rifas para os sorteos, os establecementos participantes na campaña van agasallar aos seus clientes tíckets de estacionamento para que lles resulte máis doado mercar e consumir nos establecementos adheridos á iniciativa. “Temos pensando poñer en circulación máis de 10.000 tíckets de parking gratuítos para os nosos clientes”, explicou Martínez Gude.

O obxectivo, novamente, será fomentar o comercio local nestas datas sinaladas ao tempo que se recoñece e se destaca a fidelidade da cidadanía cos establecementos de proximidade (obsequiando aos consumidores con boletos que lles darán opción a gañar os premios do sorteo, premios que segundo lembra a patronal “servirá de estímulo incrementar as compras no noso concello”.
O presidente da asociación agradeceu, en nome da entidade, a colaboración do Concello de Ribeira e da Deputación da Coruña.

80 participantes
A Asociación de Empresarios fixo saber que até o de agora xa está confirmada a participación de 80 establecementos, pero o prazo para facelo segue aberto, polo que está previsto que a cifra se incremente neste punto de inflexión entre novembro e decembro. Á campaña adheríronse empresas de múltiples sectores: moda, deportes, complementos, zapaterías, salóns de peiteado, decoración, seguros, talleres e venta de vehículos, ferreterías, restauración ou hostalería, entre outros.
Características da campaña
A promoción será entre os días 2 de decembro de 2022 e o 6 de xaneiro de 2023, inclusive.
Os premios que se sortearán son os que a continuación se detallan e que responden á seguinte orde (en total son 5.000€ en vales de compra repartidos en 51 premios da seguinte forma):
Primeiro. Tres vales de compra por importe de 300 euros.
Segundo. Seis vales de compra por importe de 250 euros.
Terceiro. Dez vales de compra por importe de 100 euros.
Cuarto. Trinta e dous vales de compra por importe de 50 euros.
Cada establecemento comercial colaborador obsequiará aos seus clientes cun boleto por cada dez euros de compra. O sorteo celebrarase nun acto público o día 11 de xaneiro de 2.023 ás 11.00 horas, ante notario, no local social da Asociación de Empresarios. O sistema será por extracción de rifas da urna onde estarán depositadas tódalas matrices das rifas que participan no sorteo. Cada establecemento participante poderá entregar como máximo un premio, conseguindo así que 51 establecementos repartan agasallos. Non se terá está consideración no caso das rifas suplentes, que poderán ser de calquera establecemento participante.