Xa se poden descargar as bases do Obradoiro de Emprego Pazo de Rianxiño

17 Outubro 2022

O Concello de Rianxo vai poñer en funcionamento o Obradoiro Dual de Emprego Pazo de Rianxiño, co obxectivo de formar a 15 alumnos/as traballadores/as na especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. As persoas interesadas (desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia) xa teñen ao seu dispor as bases de selección, en formato PDF para descargar.

O obradoiro, impulsado polo Goberno local, conta con financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, que lle concedeu ao Concello unha subvención de 377.990,25 euros. A actividade formativo-laboral vai destinada a 15 alumnos/as-traballadores/as, con contratos de formación dunha duración de 12 meses e o seu correspondente profesorado.

O Pazo de Rianxiño

O alumnado recibirá formación no ámbito da instalación e o mantemento de xardíns e zonas verdes, centrándose nas áreas exteriores de lecer do Pazo de Rianxiño e contribuíndo ao seu mantemento e mellora, “á vez que aprenden un oficio con amplas perspectivas de emprego”, explicou o Concello, engadindo que os traballos previstos abranguerán a conservación das arbores con valor ornamental, o acondicionamento de zonas axardinadas, a accesibilidade as mesmas pensando nas futuras usuarias e usuarios do Centro de Día. Amais, eliminaranse as especies danadas e achegarase o mantemento da finca durante un ano. Por outra banda, introducirase ao alumnado do obradoiro nas sementeiras, plantacións, cortas, sistemas de rega, tratamentos fitosanitarios, entre outros.

O anterior obradoiro realizado en Rianxo o ano pasado centrouse nos menores de 30 anos e levou por nome Carnero Valenzuela II de confección e publicación de páxinas web.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión