O Goberno local de Ribeira confirmou este 26 de outubro que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana resolveu conceder ao Concello, ao abeiro da convocatoria de axudas pertencentes ao PIREP (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, impulsado con fondos europeos Next Generation), un total de 2.836.394,24 euros coa finalidade de impulsar a rehabilitación da Casa Consistorial.
O de Ribeira resultou con 64 puntos o proxecto mellor valorado de Galicia e o duodécimo de España entre 1.605 actuacións, das cales foron seleccionadas un total de 405. Dende o Concello salientan que a proposta local pasa pola creación do que sería “o primeiro Consistorio ecoeficiente da Comunidade Autónoma, en liña con outras actuacións comprometidas coa redución do gasto enerxético como a acometida no edificio da UAD ou as previstas para o Conservatorio Municipal e a nova Biblioteca”. A través do proxecto do Consistorio proporcionarase unha nova solución á fachada e á cuberta.
Ademais, unha remodelación do interior resolverá “as crecentes carencias existentes en canto á falta de espazo para persoal municipal, que se vai ver agravado coas inminentes incorporacións de novos traballadores logo das últimas ofertas de emprego público”, sinalaron fontes do Concello.
O resto de municipios galegos beneficiarios son Santiago, Cambre, Vigo, Tui, Moaña, Betanzos, Oia, Teo, Meis, Maside, Poio, Vilalba, Porto do Son, A Guarda, Pol, Soutomaior, A Fonsagrada, Ulla, Lalín, Nigrán, Mondariz, O Rosal, A Cañiza, Bergondo, Sanxenxo, Portomarín, Rábade, Pontevedra, Ferrol, A Pontenova, Arteixo e Rianxo.
Máis de 5 millóns de euros
Deste xeito, o Concello de Ribeira suma de momento máis de 5 millóns de euros en fondos Next Generation xestionados polo Estado en vías de recepción, pois a estes 2,8 millóns hai que sumar os 2 millóns de euros para desenvolver o seu Plan de Sustentabilidade Turística, e outras partidas menores en materias como dixitalización ou recollida de residuos sólidos. Non se descarta recibir novas subvencións, por exemplo en comercio.
Á hora da consecución destas axudas inflúe a recente creación na estrutura administrativa do Concello dunha Oficina de Fondos Europeos.