Os empresarios de Ribeira reparten 1.000 euros en premios na súa nova campaña polo comercio local

A nosa comarca é estes días unha fronte común a prol do comercio local e de proximidade: o que máis riqueza e emprego xera nos nosos concellos. En Ribeira a Asociación de Empresarios que preside Francisco Martínez Gude lanzou unha campaña cuxo lema, Mercar no comercio de Ribeira ten premio, fala por si só sobre os seus obxectivos: trátase novamente de recoñecer a fidelidade da cidadanía polos establecementos locais.

Desenvolverase entre o 29 de outubro e o 5 de novembro. Mobilizaranse 1.000 euros en premios, repartidos en tarxetas prepago de 50 e de 30 euros para seguir mercando no comercio da cidade e a súa contorna.

A campaña vén da man da patronal ao abeiro da campaña autonómica Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación de Comercio de A Coruña, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación – Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia.

Así, todos os clientes de Ribeira que realicen compras no comercio de proximidade entre o 29 de outubro e o 5 de novembro, poden participar no sorteo en directo que se celebrará o sábado 5 de novembro, ás 13.30 horas na praza do Concello. Previamente, os consumidores deberán trocar os seus tíckets de compra por boletos de participación nunha carpa que se instalará dende ás 10.00 horas nesta mesma localización.

A campaña Mercar no teu comercio ten premio busca dinamizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo.