Actívase en Rianxo unha campaña de premios para quen merque nos comercios locais

A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) enfía a recta final de outubro cunha nova campaña de revitalización e fortalecemento comercial. Desenvolverase entre o 26 de outubro e o 2 de novembro. “Ao longo deste período”, sinalou a patronal, “mercar no comercio de Rianxo vai ter premio”. En concreto 1.000 euros repartidos en tarxetas prepago de 50 e de 30 euros para seguir facendo compras na vila e no concello.

A Federación de Comercio de A Coruña, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación – Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, coa colaboración da Asociación Rianxeira de Empresarios poñen en marcha esta campaña de dinamización: Mercar no teu comercio ten premio.

Así, todos os clientes de Rianxo que realicen compras no comercio de proximidade entre o 26 de outubro e o 2 de novembro, poden participar no sorteo en directo que se celebrará o mércores 2 de novembro, ás 13.30 horas na praza de Castelao. Previamente, os consumidores deberán trocar os seus tíckets de compra por boletos de participación nunha carpa que se instalará dende ás 10.00 horas nesta mesma localización.

A campaña Mercar no teu comercio ten premio, busca “dinamizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo”. Con esta finalidade celebrarase entre outubro e novembro nun total de 10 localidades da provincia.