
O Concello de Boiro realiza enquisas para coñecer a opinión da veciñanza de cara á elaboración do Plan de Mobilidade. As enquisas, destinadas aos centros de ensino, sector comercial e poboación xeral pódense responder de forma telemática a través da páxina web municipal.
O obxectivo deste proxecto é establecer unha estratexia orientada á mellora da mobilidade no municipio, así como mellorar a súa competitividade e equidade, aumentando seguridade e calidade de vida dos cidadáns. Aínda que o Concello de Boiro non ten a obriga de elaborar este PMUS, é necesario para a solicitude de algunhas axudas con cargo a fondos Next Generation.
As enquisas preguntan por aspectos relacionados cos hábitos de desprazamento e teñen como finalidade coñecer a opinión da veciñanza para identificar as necesidades existentes de cara a planificar e coordinar aquelas actuacións que van favorecer a mobilidade e accesibilidade do municipio.