A V Mostra Mares da Fin do Mundo de Outes proxectará 20 filmes internacionais, nacionais e galegos

21 Outubro 2022

O Concello de Outes presentou este venres 21, no Centro Náutico do Freixo, os detalles da quinta edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo departamento municipal de Cultura (co patrocinio da Deputación e a Xunta) co obxectivo de reivindicar o audiovisual envorcado no medio mariño, na nosa relación con el e os esforzos que se están a facer para preservalo.

Segundo informaron o alcalde Manuel González e o director do certame, Marcos Gallego, este ano a mostra terá un programa de 5 xornadas, entre o 28 de outubro e o 1 de novembro, cargadas de actividades culturais, lúdicas e formativas.

A axenda incluirá 20 filmes internacionais, nacionais e galegos que se proxectarán polas tardes no Auditorio da Casa da Cultura de Outes (A Serra). Ademais haberá actividades paralelas dirixidas a todos os públicos, boa parte delas previstas para as mañás no Centro Náutico do Freixo. Para asistir ás sesións cómpre facer as reservas pertinentes a través da web do festival, www.maresdafindomundo.gal, a partir deste luns 24 de outubro.

Na cita deste venres cos medios tamén se fixo que a mostra é patrocinadora do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, promovido pola FAO e liderado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España. MDFDM 2022.

Competición Oficial

Mantendo o formato iniciado na edición anterior, Mares da fin do Mundo contará cunha Competición Oficial na que participarán catorce obras documentais producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2021, de menos de 60 minutos de duración e chegadas dende diferentes puntos do mundo. Unha das principais novidades é que estas obras optarán a dous premios. Mantense o Premio do Público (trofeo O Sancosmeiro e unha dotación económica de 200 €), e súmase o premio a Mellor Película da Competición Oficial (trofeo O Faro e unha dotación económica de 500 €), outorgado por un xurado profesional.

A continuación, os filmes que forman parte da competición:

After Ice, de Kieran Baxter (Reino unido/Islandia, 2021)

Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco (España, Galicia, 2022)

Intermède (Χορικο), de Maria Kourkouta (Francia/Grecia, 2022)

La mer en héritage, de Mégane Murgia (Francia, 2021)

Last of Us: The Last Fishermen of the Lake, de Andrea Marcovicchio (Italia, 2021)

Le Constat de La Crevette Gris, de Rémi Murez (Bélxica, 2021)

Liquid Ground, de Enar de Dios (España, Galicia/Austria, 2021)

Mayotte, la mer buissonière, de Pierre Belet (Francia, 2021)

Pez volador, de Nayra Sanz Fuentes (España, 2022)

Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo (España, Galicia, 2022)

The Boat Builders (Batbyggerne), de Sveinung Uddu Ystad & Jon Terje Hellgren Hansen/Forbundet KYSTEN (Noruega, 2022)

The Silente Wave, de J.J. Abraham & Vishnu Hari (India, 2021)

Voltar ao Mar, de David Pérez, Rodrigo Martínez e Mikel Puertas (España, Galicia, 2022)

Xaar Yallà, de Maamadou Khouma Gueye (Senegal/Francia, 2022)

González e Gallego salientaron que se trata de “catorce filmes de dez nacionalidades distintas e falados en 9 linguas, centrados na pesca sustentábel e a protección do medio ambiente mariño, cun especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean ás comunidades pesqueiras tradicionais, así como o impacto da pandemia e o cambio climático nos océanos”.

Moitos destes títulos terán a súa estrea nacional en Outes.

Proxeccións especiais

MDFDM2022 volverá contar con dúas seccións paralelas: a sección Proa, na que se programarán filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. A axenda cinematográfica complétase con proxeccións especiais, como os filmes de inauguración e clausura, tanto internacionais como galegos.

Nesta quinta edición, en colaboración con The Flaherty e co obxectivo de conmemorar o centenario do considerado como o primeiro filme documental da historia, proxectarase en formato fílmico Nanook of the North, do estadounidense Robert J. Flaherty, na sección Popa. O filme pretende representar a vida cotiá da familia do inuit Nanook (Oso polar), así coma a dureza das condicións de vida na rexión xeada do Canadá onde viven, mais non estivo libre de polémica pola súa representación das comunidades inuit. Os documentais que integrarán a sección Proa serán From the Wild Sea, da directora danesa Robin Petré (2021), e Last of the Right Whales, de Nadine Pequeneza (Canadá, 2021), que documentan a influencia e o impacto dos humanos no medio mariño.

O filme que inaugurará a V Mostra MDFDM será Luzzu, de Alex Camilleri (Malta/Estados Unidos, 2021), unha obra de ficción que documenta as dificultades dun pescador maltés para manter o seu medio de vida e tradición familiar.

O sábado proxectarase a estrea en festivais de Desafíos del Océano: Científicas al Mando, unha miniserie documental do Campus de Excelencia Internacional (Campus do Mar) da UVigo, en colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación /FECYT para dar a coñecer a investigación que levan a cabo varias científicas na actualidade e que constitúen retos de futuro para os océanos, o planeta e a humanidade.

Asemade, e coa intención de conmemorar o vinte aniversario da Marea Negra ocasionada pola catástrofe do Prestige, o 31 de outubro proxectarase a reportaxe documental Nunca Máis, Marea de dignidade, rodada e producida por SAGA TV no ano 2003, e que narra o clima social e político en Galicia con motivo da Marea Negra provocada polo accidente e posterior naufraxio do petroleiro.

O mesmo día pola noite celebrarase a proxección e performance Urho, un proxecto audiovisual a cargo do cineasta Iván Torres e o músico Alex Salgueiro.

Como peche, na gala de clausura do martes 1 de novembro poderá verse un filme documental candidato a cinco Premios Goya na edición de 2022 e premiado en diversos certames internacionais de cinema. Spitsbergen, o Gardián do Ártico, do galego Ignacio Benedeti Corzo, documenta as consecuencias reais do quecemento global no Ártico a través dunha viaxe no quebraxeos Malmö. A obra será proxectada en 16 mm.

Actividades paralelas

Seguindo o formato das convocatorias doutros anos, a programación compleméntase con varias actividades paralelas desenvolvidas principalmente no Centro Náutico do Freixo. Estas comezarán o venres coa gravación e emisión dixital en directo do programa Mar de Ardora da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a mostra contará cunha Mesa Proxecta, cuxa temática será Os festivais de cinema no rural, na que participarán profesionais do sector audiovisual, así como unha mesa redonda sobre a pesca sustentábel titulada A imaxe da pesca e dos pescadores na sociedade. Celebrarase tamén unha degustación gastronómica (showcooking) a cargo da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela. Nas mañás do sábado, luns e martes, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, acompañado polas embarcacións tradicionais da Asociación Terra de Outes; dunha andaina sobre a importancia da carpintaría de ribeira no concello de Outes ou dunha actividade de Achegamento ao marisqueo a pé, organizada pola Agrupación de Mariscadores a pé da Confraría San Bartolomé de Noia.

Do mesmo xeito, nesta edición, vólvese contar en MDFDM cunha exposición fotográfica. Nesta ocasión, terá como argumento a conmemoración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA) 2022, no que a mostra de Outes é evento patrocinador. A exposición é posíbel grazas á cesión das obras polo fondo fotográfico da FAO.

O Obradoiro de Cinema con Móbiles, que a Mostra MDFDM vén desenvolvendo dende a súa primeira edición será reforzado este ano coa participación do alumnado en dúas actividades formativas e didácticas que contaron coa participación do Concello de Outes, o GALP Costa Sostible, o IES Poeta Añón, o Proxecto ECONOIA 3 do Plan Mar Limpo da Consellería do Mar, a Agrupación de Mariscadoras da Confraría San Bartolomé de Noia e a Asociación Cultural Terra de Outes. Nestas actividades de formación de novos públicos, o alumnado tomou contacto coa cinematografía e co tratamento narrativo do seu entorno patrimonial, social e medioambiental. Durante a cerimonia de clausura da V Mostra, proxectarase o traballo desenvolvido e farase entrega dos agasallos e diplomas ao alumnado.

Obxectivos

Segundo explicaron González e Gallego na presentación, Mares da Fin do Mundo é “un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional, unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar”.

Despois de catro edicións (desde 2018), MDFDM segue a traballar por ser “un espazo de referencia e punto de encontro, tanto para o sector audiovisual como o pesqueiro e a cidadanía en xeral”, fixeron saber, engadindo que algunhas das novidades desta V edición teñen que ver coa vinculación co territorio dende un punto de vista de sustentabilidade e inclusión social, dando entrada como colaboradores a entidades de referencia na zona como a Asociación A Misela, a Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) e a Asociación Pro Saúde Mental A Creba, fomentando e facilitando o acceso dos usuarios e usuarias de ditas entidades á Mostra, así coma noutros labores organizativos.

Como exemplo desta colaboración nesta edición todos os asistentes recibirán un chaveiro fabricado con plásticos extraídos da nosa costa, froito do traballo da Aula Sostible do Freixo, un proxecto de economía circular no que están integradas ditas entidades de inclusión social, así coma a Agrupación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEEO Fisterra — Ría de Muros Noia e o propio Concello de Outes. Do mesmo xeito, MDFDM asumiu o compromiso de transmitir os valores e principios da Mostra aos máis novos, colaborando co CEIP Plurilingüe de Outes, como un labor de concienciación nas idades máis temperás.

A Mostra está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla), colabora co Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022 e é un festival colaborador do Festival Internacional de Films de Lorient Pecheurs du monde.

Outros artigos

Coche envorcado no río en Outes

Ocorreu ao fío das 1:30 horas da madrugada no Paseo do Muelle, e foi un dos implicados quen contactou co 112 Galicia para explicar que o seu coche acabara envorcado no río e que, aínda que saíran ao exterior, non conseguían chegar á beira. A auga chegáballes á...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...