Durante a pasada fin de semana (14 e 15 de outubro), máis de 30 entidades e máis de 1.000 persoas de toda a xeografía galega sumaron os seus esforzos ao longo do noso litoral para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño. Fixérono ao abeiro de undécima edición da Limpeza Simultánea de Praias de ADEGA. Retirouse en total unha tonelada de refugallos dos nosos areais. Colaboraron as rapazas e rapaces do CEIP de Portosín (días antes da limpeza simultánea desta finde) e tamén da Escola de Educación Infantil de Muros.
O CEIP de Portosín, cuxas tarefas de limpeza foron coordinada polo profesor Xosé Manuel Ponte Somoza, recolleu uns 80 quilogramos de lixo. Apañaron lixo uns 130 voluntarios e voluntarias, ao longo dunha distancia de 1,5 quilómetros de praias percorridas (A Gafa e Coira).
Na actividade xeral coordinada por ADEGA, participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, particulares de todo o territorio galego, que traballaron de xeito organizado na praia elixida por eles mesmos.
De entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os pauciños dos ouvido, algunhas máscaras e, como vén sendo habitual restos plásticos. Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, bidóns antigos, garfos …
Listaxe de colectivos participantes
IES A Basella, CEIP de Ardán, IES Monte da Vila, AETNA, CEE San Rafael, IES de Arzúa, Prado surf, CEIP de Cangas, A semente Vigo, IES AS Bizocas, CEIP de Portosín, Concello de Nigrán, Prado Surf, CEIP de Foz, AJPS, Concello de Fisterra, CEIP San Roque de Darbo, Agrupación Instrutiva de Caamouco, Concello de Ares, IES Poio, CEIP Plurilingüe A Laxe, CEIP de Mallón, ANPA do San Xoán de Filgueira, Concello de Muros CPI A Xunqueira, CEIP de Louro, Scout Chan, CEIP Ramón Artaza, Asco_ Prato_Do, IES Armando Cotarelo Valledor, CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío, EEI de Muros, IES Primero de Marzo, CEIP Portonovo, ADEGA Lugo, EOI VIGO – CANGAS, particulares no Ancoradoiro e Mourisca, CPR Colexio Plurilingüe os Franciscanos e Asociación de Veciños de Espiñeira.