Rianxo, a través da Asociación de Veciños de Araño e o Concello, participa novamente na iniciativa Móllate polos ríos, xeira de limpeza simultánea coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) que ten o obxectivo duplo de liberar os nosos ríos de moreas de lixo e refugallos e poñer de relevo a importancia de preservalos e manter protexidos os seus ecosistemas. Será este 25 de setembro, domingo, a partir das 10.30 horas.
A asociación ADEGA, a través do programa Proxecto Ríos vén organizando dende o ano 2008, unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome Móllate polos ríos. O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
