Rianxo impulsa un obradoiro de emprego para 15 persoas centrado na instalación e o mantemento de xardíns e zonas verdes

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia vén de conceder unha subvención ao Concello de Rianxo para o desenvolvemento do Obradoiro Dual de Emprego Pazo de Rianxiño. Fíxoo por importe de 377.990,25 euros. A actividade formativo-laboral vai destinada a 15 alumnos/as-traballadores/as, con contratos de formación dunha duración de 12 meses e o seu correspondente profesorado.

O alumnado recibirá formación no ámbito da instalación e o mantemento de xardíns e zonas verdes, centrándose nas áreas exteriores de lecer do Pazo de Rianxiño e contribuíndo ao seu mantemento e mellora, “á vez que aprenden un oficio con amplas perspectivas de emprego”, explicou o Concello, engadindo que os traballos previstos abranguerán a conservación das arbores con valor ornamental, o acondicionamento de zonas axardinadas, a accesibilidade as mesmas pensando nas futuras usuarias e usuarios do Centro de Día. Amais, eliminaranse as especies danadas e achegarase o mantemento da finca durante un ano. Por outra banda, introducirase ao alumnado do obradoiro nas sementeiras, plantacións, cortas, sistemas de rega, tratamentos fitosanitarios, entre outros.

Prevese o seu inicio a comezos de novembro e en vindeiras datas sairán publicamente as diferentes convocatorias de selección do persoal de formación e de solicitudes do alumnado.

O anterior obradoiro realizado en Rianxo o ano pasado centrouse nos menores de 30 anos e levou por nome Carnero Valenzuela II de confección e publicación de páxinas web.