Os socialistas de Ribeira piden establecer puntos violeta nas festas e habilitar protocolos de atención ante as novas agresións

O PSOE de Ribeira achega para someter a pleno unha proposta relativa á violencia machista e as agresións de toda índole que sofren infinidade de mulleres a cada segundo, unha lacra que, segundo a agrupación, debe unha resposta firme e ampla da Corporación e o equipo de Goberno, adaptando os protocolos locais ás novas modalidades de delito. Por exemplo establecendo puntos violeta nas festas da localidade, onde existirán metodoloxías específicas para atender este tipo de situacións, e formando á Policía Local para atender as vítimas destas novas modalidades de agresións.

Na presentación da proposta o grupo fai saber un dato preocupante: que o número de mulleres vítimas de violencia por razón de xénero aumentou un 3,2 % no ano 2021, no que vai de ano foron asasinadas 26 mulleres.

Amais, lembran, segundo a enquisa da violencia contra a muller no primeiro trimestre do 2022
rexistráronse 544 agresións sexuais. “Durante os últimos anos, estamos a vivir un aumento das agresións sexuais na poboación máis nova”, engaden os socialistas de Ribeira, poñendo o foco en novos métodos de agresión como a submisión química, cuxa incidencia elevada motivo que dende o Centro Hospitalario Universitario de Ourense puxera en marcha en novembro de 2021 o primeiro protocolo en Galicia destinado a identificar posíbeis casos.

Na súa proposta, a agrupación socialista indica que “dende o PSdeG-PSOE consideramos que é conveniente a realización dunha campaña de información nos centros hospitalarios e de atención primaria sobre esta cuestión. Nos últimos tempos apareceu un novo xeito de agresión ás mulleres máis
novas, a picada. Non está claro que o obxectivo desta picada sexa a submisión química nin a agresión sexual, pero o que é indiscutible é que é un novo xeito de agredir ás mulleres, unha nova agresión que pretende que se impoña o medo entre as mulleres mozas que queren desfrutar do seu tempo de lecer nocturno, xa que os agresores aproveitan festas e espazos de aglomeración de xente para realizar esta agresión e pasar desapercibidos”.

Polo anteriormente exposto e outras cuestións, o Grupo Socialista do Concello de Ribeira, presenta
para a súa aprobación polo pleno municipal os seguintes acordos:

-O Concello de Ribeira condena calquera tipo de agresión sexual e a utilización da submisión química con este fin.

-O Concello de Ribeira insta o Goberno galego a estender canto antes o protocolo do CHOU para detectar casos de submisión química a todas as áreas sanitarias de Galicia, e desenvolver unha campaña de información nos centros hospitalarios e de atención primaria.

-O Concello de Ribeira comprométese a establecer puntos violeta nas festas da localidade, onde existirán protocolos específicos para atender este tipo de situacións, e a formar á Policía Local para atender as vítimas destas novas modalidades de agresións.

-O Concello de Ribeira comprométese a esixir protocolos de acceso máis estritos ás empresas organizadoras de acontecementos festivos, así como aos establecementos de ocio nocturno, para que se inspeccione a entrada de xiringas dentro do recinto/local.

-O Concello de Ribeira comprométese a realizar campañas de concienciación, poñendo o foco nos agresores, e guías de actuación para saber como actuar no caso de que aconteza unha destas situacións.