O Goberno local de Ribeira propón adicar 265.000 euros do remanente a 10 pavimentacións

O Goberno Municipal de Ribeira propón adicar unha cantidade que se sitúa no entorno dos 265.000 euros a emprender dez pavimentacións en diferentes puntos do municipio, nalgúns casos a través da brigada de obras e noutros contratando a actuación a unha empresa externa.

Dende o Concello explican que “este paquete de propostas así como outras actuacións con cargo ao remanente de tesourería do Concello serán obxecto de debate nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro mércores 14 de outubro ás oito da tarde”.

O proxecto propón dar continuidade á pavimentación en Bandourrio

As distintas pavimentacións son:

-Pavimentación da rúa perpendicular á Capela da Guía. O Concello explica que se trata dunha vía sen saída que presenta un pavimento de formigón en moi mal estado, con abundantes fochancas e disgregacións, polo que se propón que a brigada de obras municipal renove o firme actual mediante o estendido dunha nova capa de formigón, tras a retirada da existente.

-Pavimentación dun treito da rúa Manzanares. O Concello fai saber que “nos últimos anos realizáronse diversas actuacións sobre a rúa Manzanares, no centro urbano de Ribeira, de forma que se foi substituíndo o deteriorado pavimento de lousas de pedra existente na zona de circulación dos vehículos por unha capa de formigón, mais adecuada para o tránsito que soporta”. Na actualidade soamente resta sen reparar o tramo final da calle cara a zona de Fontán.

-Acondicionamento da praza en Teira. Co obxecto de mellorar as condicións do lugar de Teira, na parroquia de Corrubedo, proxéctase a renovación do pavimento no entorno do cruceiro existente para crear un espazo mais peonil que funcione como punto de reunión para os veciños do lugar.

-Pavimentado de pista en Martín. Trátase dun camiño que dá servizo a varias vivendas situadas no lugar de Martín e actualmente conta cun firme de terra polo que resulta difícil circular a en época de chuvias. Por este motivo proxéctase a súa pavimentación cunha capa de formigón.

-Pavimentación en Laxes. O Concello fai saber que o lugar de Laxes presenta na actualidade un firme de aglomerado asfáltico “bastante deteriorado nalgún tramo e varios puntos con sobreanchos sen pavimentar”. Co obxecto de mellorar a seguridade viaria da zona proponse acondicionar ditos sobreanchos e integralos na calzada, ampliando así o ancho da mesma e facilitando a circulación dos vehículos, así como renovar o pavimento que está en peor estado mediante o estendido dunha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente tipo AC22 surf D.

-Pavimentado dun treito da rúa Galicia. En Santa Uxía, o pavimento do tramo da rúa de Galicia situado entre o Mercado Municipal e a rotonda de Padín atópase na actualidade moi deteriorado, con abundantes fochas e zonas disgregadas, debido fundamentalmente ao paso do tempo e á elevada densidade de tráfico que soporta. Por este motivo, proxéctase a renovación do pavimento existente co estendido dunha capa de 6 cm de mestura bituminosa en quente tipo AC22 surf D.

-Pavimentación rúa Canarias. A rúa Canarias é unha das vías do centro urbano de Ribeira con maior intensidade de tráfico rodado e actualmente o seu pavimento está moi deteriorado, debido ao normal desgaste causado polo seu uso. Proxéctase a renovación do pavimento existente mediante o estendido dunha capa de 6 cm de mestura bituminosa en quente tipo AC22 surf D.

-Pavimentación dun tramo da avenida Miguel Rodríguez Bautista. Dende o Goberno local fan saber que a avenida Miguel Rodríguez Bautista é unha das rúas de Ribeira que soporta maior intensidade de tráfico rodado, “xa que nela sitúanse diversos edificios docentes e ademais é unha das principais vías de acceso ao casco urbano”. O seu pavimento no tramo comprendido entre o Conservatorio Municipal e a rúa Otero Pedrayo está moi deteriorado, polo que se proxecta a renovación do mesmo co estendido dunha capa de 6 cm de mestura bituminosa en quente tipo AC22 surf D.

-Pavimentación de varios tramos da rúa Bos Aires. A rúa Bos Aires é a única vía de acceso á parroquia de Corrubedo. Nalgún tramo presenta disgregacións do pavimento, polo que se propón o reforzo do mesmo cunha capa de 6 cm de mestura bituminosa en quente tipo AC22 surf D.

-Pavimentado e renovación de servizos na rúa Curbelo. Entre os investimentos que se van a solicitar no POS+ADICIONAL 2/2022 están incluídas as obras de Pavimentación e renovación de servizos na rúa Curbelo, na parroquia de Aguiño.