Entre o 3 e o 6 de outubro desenvolveranse as actividades complementarias da convocatoria do Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica do ano 2022, impulsado novamente pola Deputación da Coruña, e que se desenvolverán na Coruña, en Santiago de Compostela e en Muros.

O gañador da presente edición do premio, o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo, será o encargado de abrira esta nova xeira de actividades que terán como protagonistas tanto a fotografía máis actual como o recoñecemento á figura de Fotógrafo histórico, que homenaxeará a Juan e Perpetua Malvárez, pai e filla, naturais de Muros. Así, o día 3 de outubro ás 11h, Brais Lorenzo impartirá unha clase maxistral na Facultade de Xornalismo, na que compartirá co alumnado a serie fotográfica Lume coa que se alzou co premio Luis Ksado na súa XVI edición.
Esa mesma tarde, ás 19h, en Muros terá lugar o acto institucional de recoñecemento a Juan e Perpetua Malvárez, no que se homenaxeará por vez primeira a figura dunha muller fotógrafa da provincia. Tras o acto institucional, celebrarase a mesa redonda sobre o seu legado na que participarán o deputado de Cultura, Xurxo Couto, o profesor de historia da USC, Isidro Dubert, e a neta de Juan Malvárez, Josefina Malvárez. A mesa estará moderada polo fotógrafo e comisario do Premio, Xurxo Lobato.
Ao día seguinte, o martes 4 de outubro, a actividade principal trasládase de novo a Compostela, concretamente ao Museo do Pobo Galego, coa inauguración da mostra que recolle as series gañadora e seleccionadas na presente edición do Premio. A serie gañadora, Lume, de Brais Lorenzo (Ourense), estará acompañada das series Paisaxes da inexistencia de Belén Lozano López (Lugo); La escoria rebelde de Fuco Reyes (Compostela); Máscaras del Entroido Gallego. Festival VIBO 2022 de Carlos González Ximénez (Madrid); Europa not welcome de Sergi Cámara (Barcelona); e Vulcanonautas de Arturo Rodríguez (Tenerife).
Mentres, os días 5 e 6 de outubro celebraranse senllos obradoiros no Centro Ágora, a cargo do gañador do premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e da editora gráfica internacional, Maria Mann. Ambas sesións serán en horario de tarde, entre as 16:30h e as 20h.
A asistencia, ao igual que en edicións anteriores, será de balde até completar o aforo dispoñíbel. Será preciso formalizar a inscrición a través do formulario online que se activará ás 09:00h do xoves 15 na web da Deputación.
Emilio Morenatti vén de recibir o premio Pulitzer en 2021 polo seu traballo sobre o impacto da pandemia nas persoas maiores. O fotoxornalista da axencia The Associated Press converteuse, deste xeito, no primeiro español en recibir este prestixioso recoñecemento na categoría de reportaxe fotográfico.
Maria Mann, pola súa banda, foi directora de relacións internacionais da European Pressphoto Agency en Frankfurt, directora de noticias de Corbis en París, directora de fotografía para América da Agence France-Presse, editora de fotografía de AFP en París, membro de Talleres da Fundación SIP / Knight para Periodismo Avanzado en América Latina, e profesora en Lituania, nos obradoiros militares do Pentágono, e en China.