Volve á Pobra, con folgos renovados logo da paréntese da COVID, o Carme dos Pincheiros

Este xoves 4 de agosto foron presentados na Pobra os detalles dun dos grandes acontecementos festivos da tempada: o Carme dos Pincheiros, que rende tributo un ano máis aos fortes e arraigados vencellos da localidade co mar, ao ser en orixe (hai uns dous séculos) unha homenaxe dos mariñeiros da arte do pincho á Virxe do Carme (coincidindo co remate da campaña, en agosto). Segundo se fixo saber na presentación, a edición deste ano será especial non só pola cantidade (e calidade) das accións programadas, senón porque significa o regreso da festa logo dous anos de paréntese obrigada pola COVID. Celebrarase do 19 ao 22 de agosto.

No acto deste xoves tomaron a palabra Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e representantes da comisión de festas: Jean Louis Vaiarello, presidente; Jesús Maneiro, vicepresidente; e José Luís Piñeiro, José Francisco Fernández e Juan Ramón Fernández, vogais. Segundo salientaron, un dos principais puntos fortes da axenda será novamente o desfile de xigantes e cabezudos que alegrarán cos seus bailes as distintas rúas da vila en diferentes momentos ao longo dos catro días de celebración.

A vertente musical

Este evento festivo destacará tamén pola participación de numerosos grupos de música tradicional e bandas de música de toda Galicia, ademais de orquestras e DJ, aínda que tamén con presenza do folclore doutros lugares de España. Máis dunha vintena de formacións musicais teñen programado actuar neses días na Pobra: Trécola, a charanga Os Santiaguiños, a Banda de Música de Ribadumia, a Banda de Música de Caamaño, a Banda de Gaitas Ximiela, Xiada, Arume, Pequenos do Barbanza, Andavía, Caraveiros, a charanga Batukabras, a Banda Militar da BRILAT de Pontevedra, a Banda de Música de Catoira, a Banda de Calo, Arrancadeira, Queicoa, a Banda de Gaitas Sons da Ría, o Grupo de Danzas sevillano Al-Saraf e as orquestras Foliada D’Ases, Venezia, Finisterre, América SL e Marbella.

Pregón e formalización de novos cofrades

O pregón das festas ofrecerase no venres 19, ás 21.00 horas, dende o balcón da Casa Consistorial. Previamente, na igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal celebrase ás 19.30 horas a imposición de escapularios aos novos confrades para dar paso á misa solemne por tódolos confrades falecidos, cantada pola coral Lauda Sion.

Outra das actividades agardadas, especialmente pola mocidade, son os San Juerguines, previstos para o sábado 20, con pasabares, festa da auga, olimpíada pincheira e a música de Planet Disco Móvil.

E, no domingo 21, ás 18.30 horas, oficiarase no xa referido templo relixioso a misa solemne na honra da Virxe do Carme, interpretada pola capela de música Lauda Sion. No remate, sairá en procesión a imaxe relixiosa portada por membros da Confraría do Santo Cristo, custodiada polas bandeirolas e a Banda Militar da Brilat, xunto coa Banda de Música de Catoira, o Grupo de Danzas sevillano Al-Saraf e os xigantes e cabezudos da Confraría do Carme dos Pincheiros, coa colaboración da escola de danza Asociación de Amas de Casa pobrense. No peirao realizarase a ofrenda das coroas de flores por representantes da Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores. Finalmente, lanzarase a tradicional traca de fogos.

A programación tamén inclúe propostas pensadas para as crianzas como xogos populares, festa da escuma e Pincheirolandia.

A gran queima de fogos de artificio e o combate naval no luns 22 serán o colofón da celebración.