O local da Asociación de Empresarios de Ribeira acolleu este 2 de agosto a presentación da campaña Camiño da Arte, unha iniciativa de impulso comercial e artístico subvencionada pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Ribeira. Desta volta, 36 artistas van expor as súas obras en 38 establecementos comerciais da cidade. As obras que se expoñen son óleos, vidros, acuarelas, ilustracións, esculturas e fotografías máis algunhas pezas feitas con material reciclado.

Expoñen artistas coñecidos e novas promesas que tentan facerse un oco no mundo da arte, todas e todos do Barbanza. O obxectivo desta campaña, segundo explicou o presidente da patronal ribeirense, Francisco Martínez Gude, é apoiar aos artistas expondo as súas obras, achegando a cidadanía á arte e dinamizando as rúas tentando atraer aos visitantes aos establecementos locais.

A iniciativa chega esta tempada á súa edición.
“Queremos que todos os visitantes de Ribeira paseen polas súas rúas e coñezan a arte da nosa zona, mentres fan as súas compras nos establecementos que participan nesta campaña, que son de diferentes sectores: moda e complementos, zapaterías, ópticas, florarías, barbarías, deportes, electrodomésticos”, engadiron Francisco Martínez Gude e a concelleira María Sampedro.



