O Concello de Lousame completará as obras de mellora do illamento térmico e acústico do Pavillón Municipal Pilar Barreiro Senra

09 Agosto 2022

O Concello de Lousame vén de anunciar que vai continuar este ano coas obras de mellora do Pavillón Municipal Pilar Barreiro Senra, traballos que a Administración local desenvolve dende ao ano 2019 e nos que leva investidos preto de 150.000 euros. A alcaldesa, Teresa Villaverde, explicou que “vimos de adxudicar unha nova fase das obras. Se o ano pasado comezamos co revestimento dunha das paredes, nesta ocasión remataremos o pavillón por completo xa que a nosa idea é ir mellorando no posíbel as nosas instalacións deportivas municipais”.

As obras consistirán no revestimento do interior da instalación deportiva cun taboleiro de fibras de madeira de pino, despois de aplicarlle previamente dúas mans de esmalte de poliuretano e outras dúas de pintura plástica de cor branca. Esta actuación, unida ao cambio das portas interiores e a instalación dunha nova porta metálica cortalumes realizadas o pasado verán, “permitirán garantir un mellor illamento térmico e acústico da instalación”, engadiu a rexedora, salientando a relevancia que ten o pavillón para o concello e a cidadanía, “xa que non alberga unicamente eventos deportivos, senón que é o punto de encontro de distintas actividades lúdicas que reúnen a centos de veciños e veciñas como poden ser a Festa de Reis, o Festival de Entroido ou os Campamentos de Verán”.

Obras acometidas

Facendo balance, a alcaldesa fixo saber que nos últimos anos, o Concello de Lousame leva investidos preto de 150.000 euros na mellora do Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra. Traballos entre os que figuran a limpeza manual da fachada e do chan, a retirada de elementos oxidados (sobre todo nos vestiarios: columnas das duchas –onde se instalou un temporizador axustable entre 20 e 35 segundos-, barras de suxeición do baño adaptado e, en xeral, dos elementos metálicos dos vestiarios), colocación de cámaras de seguridade, novos vestiarios para os colexiados… A maiores instalouse un cortaventos no portal de acceso á instalación, que evitará o arrefriamento do interior do pavillón, e colocáronse asentos nas gradas do polideportivo, fixados ao soporte.

Anteriormente mudárase a cuberta existente por outra de paneis sándwich illantes, colocáronse novas canalizacións para a recollida de augas pluviais e aplicouse un tratamento anticorrosivo á estrutura metálica da instalacións. Finalmente, Teresa Villaverde adianta que “xa lle temos solicitada á Xunta de Galicia unha pista multideportiva, que se instalará no patio do colexio”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...