O Concello de Ribeira foi convidado pola Deputación Provincial de Barcelona para intervir e relatar a súa experiencia no Primeiro Foro de Axendas Urbanas Locais, celebrado no Paraninfo da Escola Industrial da cidade condal. O convite veu dado pola traxectoria do Concello de Ribeira en canto á planificación estratéxica e xestión de fondos europeos. Ao fío disto, dende o Consistorio salientan que a cidade atópase arestora en pleno proceso de elaboración da Axenda Urbana Ribeira Atlántica co seu correspondente Plan de Acción Local, tendo a particularidade de que “é o único dos 122 proxectos piloto de Axenda Urbana que se están a desenvolver en España que está sendo financiado con fondos propios”.

O obxectivo do encontro celebrado en Barcelona foi permitir que os concellos compartisen experiencias e puxeran en valor o traballo dos municipios con respecto á axenda urbana e a implementación de proxectos. A xornada foi inaugurada pola ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e pola vicepresidenta da Deputación Carmela Fortuny. Incluíu relatorios e mesas redondas, así como dous obradoiros sobre a gobernanza multinivel e traballo en rede e sobre o seguimento dos plans de acción. A participación do Concello de Ribeira encadrouse neste último taller, no que o técnico municipal Jorge González Mariño (adxunto ao interventor e xefe da área de Planificación, Presupuestos e Fondos Europeos), afondou a partir da experiencia ribeirense nas claves para financiar o despregue de proxectos estratéxicos, asegurar o seguimento dos plans de acción e a implantación de modelos de gobernanza participativa.

Neste mesmo taller tamén tomaron parte representantes dos concellos de Ermua, Alfaro e Sant Feliu de Llobregat, da Deputación de Barcelona e das entidades especializadas en desenvolvemento tecnolóxico e transformación urbana Tecnalia e TECH Friendly.
No foro de Barcelona tamén participaron representantes da Oficina ONU- Habitat en España, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e da Generalitat de Catalunya, ademais de alcaldes e alcaldesas de municipios barceloneses.



