
Un verán máis as aldeas, pobos e cidades son vítimas das chamas. Quéimase o monte. Os incendios queiman os nosos montes, bosques, leiras, e vivendas particulares por culpa da falta de vontade política e social para adoptar, con valentía, medidas contundentes para a prevención, traballando durante todo o ano cun plan definido e cos protocolos necesarios para xerar riqueza con emprego estable e de calidade e ao mesmo tempo coidando a nosa contorna natural.
Nos anos sesenta e anteriores era moi extraordinario que se producise algún incendio forestal coa virulencia e os dramáticos efectos que sufrimos actualmente. A maioría dos veciños coidaban os montes. Os propietarios preocupábanse de limpalos de maleza e os municipios ou as propias comunidades de montes facían o mesmo, de maneira organizada e eficaz. Os paisanos eran conscientes de que co seu traballo dependía a súa supervivencia e a das súas familias.
A maioría dos políticos e gobernantes acórdanse dos incendios cando se producen para acudir, arduos e veloces, ás zonas afectadas e sacarse a foto mentres prometen medidas. Así todos os anos porque non teñen chisco de vergoña, mentres os nosos montes continúanse queimando.
A maioría dos municipios, as comarcas e mesmo a propia Xunta de Galicia, quen ten competencias na materia, contratan peóns forestais unicamente para os labores de extinción pero non se realizan traballos de prevención, limpando os montes e as zonas arboradas ao longo de todo o ano. As condicións laborais do persoal son precarias e os salarios apenas superan o salario mínimo interprofesional. Mesmo os utilizan para realizar labores que non son da súa competencia.



