A Asociación de Empresarios de Ribeira, a través do seu presidente Francisco Martínez Gude, presentou este mércores 27 de xullo unha nova campaña para incentivar as compras e impulsar o comercio de proximidade. Trátase da iniciativa Tendas á rúa, que se celebra este 30 de xullo, en horario de 10.30 a 15.00 horas, na praza do Concello. Os detalles desta campaña foron achegados polo presidente da patronal acompañado do concelleiro Ramón Doval. A iniciativa, de feito, conta coa colaboración do Concello.

Nela participan dezanove establecementos, que estarán emprazados na praza do Concello en haimas de tres metros por tres, ofrecendo dende cadanseus emprazamentos “unha ampla variedade de produtos a prezos super-rebaixados”, que abranguen ámbitos como a moda, a decoración, o deporte, os complementos ou os produtos ecolóxicos, segundo deu a coñecer Francisco Martínez Gude.




