Froxán (Lousame) acolle este 23 de xullo unha nova xeira de erradicación de exóticas das Brigadas Deseucaliptizadoras

20 Xullo 2022

A organización Verdegaia continúa neste tempos de lumes forestais e grandes perdas medio-ambientais na nosa terra (principalmente no Courel e en Valdeorras) coas intervencións das Brigadas Deseucaliptizadoras, cuxo principal cometido, amais de poñer o foco nos perigos de inzar os montes de especies prexudiciais para o medio e que non frean o avance do lume (senón que mesmo axudan a propagalo), é facer quedadas colectivas e participativas para limpar o noso medio natural de eucaliptos, acacias e outras especies.

Logo do éxito da forza expedicionaria á Serra da Estrela en Portugal, as Brigadas voltan á casa coa acción programada en Froxán (Lousame) para o sábado 23 de xullo.

Segundo explican, nese día comezarase nunha nova zona de intervención eliminando eucaliptos ao longo do rego da Abelleira, en parcelas con acordos de custodia do territorio coa Fundación Montescola, nas que no próximo inverno realizarase plantación de árbores nativas. A roga eliminará eucaliptos para preparar o terreo para plantar no inverno. Pola tarde, como parte da V Romaría da Coluna Sanfins, realizarase un obradoiro sobre Montes veciñais: historia e gobernanza, como parte do proxecto de formación Erasmus+ Vemo-nos no monte que realizará intervencións a ambos os dous lados da fronteira.

Verdegaia, e as súas Brigadas Deseucaliptizadoras, fan un chamamento a todas as organizacións que teñan montes ao seu cargo, como as Comunidades de Montes en Mancomún, e queiran cambiar a xestión dos mesmos, que se sumen ás Brigadas para que, “entre propietarios e voluntariado, contribuamos á mellora dos nosos montes e acabemos coa praga dos incendios”. Poden participar a través da web de Verdegaia.

A organización advirte de que “os incendios son provocados por unha política forestal errónea que enche os montes de especies exóticas invasoras que aumentan as posibilidades de incendio”. Tamén poñen o foco no abandono das terras e do rural, “que provoca a expansión dos lumes que, cos condicionantes provocados polo cambio climático, serán cada vez de maior tamaño e difíciles de controlar e apagar polos equipos contra incendios”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...