En marcha un programa de máis de 250 investigadores unidos para acadar un sector galego do mar máis sustentábel

Este 27 de xullo presentouse unha iniciativa de investigación para un meirande desenvolvemento sustentábel das actividades vencelladas ao mar. Trátase do Prtograma de Ciencias Mariñas de Galicia, que xorde do traballo en rede de máis de 250 investigadores. Na presentación participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen puxo este plan como exemplo da colaboración entre os distintos centros galegos a prol da riqueza produtiva e medio ambiental mantida no tempo.

09,00 h.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participará na presentación do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, no que colaboran a Xunta de Galicia, as tres universidades galegas e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). foto xoán crespo

Esta iniciativa -financiada ao amparo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation Europe- conta coa participación de preto de 90 grupos de investigación pertencentes ás institucións galegas máis punteiras entre as que se atopan seis centros de investigación dependentes da Xunta (Centro de Supercomputación de Galicia, CETMAR, CIMA, IGAFA, INTECMAR e Meteogalicia), as tres universidades públicas galegas e catro centros dependentes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Nun plano concreto, este proxecto busca “dar solución ás necesidades máis inmediatas do sector mariño galego mediante o desenvolvemento das tecnoloxías mariñas e a dixitalización, así como a educación ambiental, ao tempo que trata de fortalecer as sinerxías entre os axentes de investigación e o tecido empresarial para afrontar os retos futuros da pesca e a acuicultura, o turismo costeiro e mariño ou a economía azul”.

A titular de Mar salientou que esta acción “permitirá acadar un modelo integrado de xestión do fluxo de coñecemento científico en ciencias mariñas adaptado ao contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional de Galicia”. Tamén fixo saber que entre os tres grandes retos do programa atópase o de “desenvolver unha estratexia de gobernanza permanente da observación e monitoraxe do ecosistema mariño en todas as súas dimensións, o que permitirá obter a información necesaria para garantir un aproveitamento máis sustentábel dos seus recursos”. Ao abeiro deste desafío, a comunidade desenvolverá ferramentas e tecnoloxías innovadoras para construír unha plataforma de datos integrada no Centro de Supercomputación Galego, o CESGA.

O plan tamén pretende potenciar “unha produción acuícola sustentábel” mediante a mellora da investigación xenómica, desenvolver ferramentas para o abastecemento estábel de semente na acuicultura de moluscos bivalvos, mellorar a prevención e control de patoloxías e xerar novos sistemas de cultivo sustentábel baseados na acuicultura multitrófica.

O terceiro obxectivo é a transformación social e económica e a transferencia, a capacitación e a capitalización do coñecemento cara “a unha auténtica economía azul sustentábel”. Abordarase mediante unha investigación multidisciplinar no eido das ciencias sociais que inclúa ramas como a física, a química, a xeoloxía ou a bioloxía, entre outras.

A titular de Mar, que estivo acompañada por distintos responsables da Consellería, salientou que se trata dun programa pioneiro en España co que “se aglutina a experiencia da comunidade científica e os intereses e necesidades da industria do mar”. Ao longo desta mañá distintos expertos exporán as liñas de traballo que prevé o programa e a xornada será clausurada pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.