As confrarías de Muros e O Pindo destacan no coidado do mar con proxectos como a recollida do lixo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da exposición Artcycling co lixo do mar -elaborada con creacións a partir de refugallos recollidos na costa- onde salientou o compromiso e a implicación constante de confrarías como as de Muros e O Pindo no coidado do mar mediante distintas accións como a retirada dos residuos que os seus profesionais atopan no litoral.
A exposición forma parte do proxecto de recollida de lixo mariño aprobado ás dúas entidades no marco do Plan Marlimpo da Xunta e que conta cun apoio próximo aos 150.000 euros para accións a desenvolver entre os anos 2021 e 2023. De feito, a mostra está composta por pezas elaboradas pola asociación Mar de Fábula empregando como base os refugallos recollidos polos profesionais do marisqueo a pé na costa das súas zonas de influencia.
A titular do Mar animou ao conxunto do sector marítimo-pesqueiro a seguir apostando por este tipo de iniciativas que xa lle valeron a Galicia distintos recoñecementos internacionais.
De feito, o Parlamento Europeo puxo en marzo do ano pasado o Plan Marlimpo e o proxecto leanAtlantic como exemplos de boas prácticas ao converterse os profesionais do mar en aliados esenciais para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños da comunidade.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, lembrou que Galicia realizou en 2020 a primeira convocatoria de axudas para a recollida de lixo mariño por parte dos pescadores e mariscadores e que nas primeiras dúas convocatorias se aprobaron 13 proxectos cun importe de axuda próximo aos 620.000 euros. Entre os anos 2020 e 2021 as accións desenvolvidas permitiron retirar da costa preto de 120 toneladas de residuos coa participación de máis de 500 persoas.
A estes resultados haberá que sumar os dos proxectos aprobados na convocatoria de 2021 que teñen continuidade en 2022 e os das iniciativas que se desenvolvan ao abeiro da convocatoria deste ano, que conta cun orzamento dun millón de euros a repartir entre o presente exercicio (600.000 euros) e 2023 (400.000 euros).
A conselleira subliñou que outra boa mostra da implicación do sector marisqueiro galego na loita contra o lixo mariño é que máis do 60% dos plans de xestión de recursos marisqueiros aprobados para o período 2021-2023 e preto do 70% dos plans de xestión de recursos específicos para o período 2022-2024 inclúen este tipo de accións nos seus obxectivos a tres anos. Por iso, Rosa Quintana puxo en valor o traballo do sector do mar na protección dos ecosistemas mariños e na concienciación da cidadanía sobre a importancia de coidalos para garantir o futuro das vindeiras xeracións.
A mostra
A exposición, que se pode visitar durante o mes de xullo en horario de mañá na antiga fábrica de Sel, está composta por pezas elaboradas pola asociación Mar de Fábula a base de refugallos atopados no litoral. Para vela é preciso concertar cita previa coa confraría de pescadores de Muros e inclúe unha visita guiada de arredor de media hora cun máximo de 30 persoas en cada unha delas.