O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro Urbanismo e Administración xeral, Víctor Fernández, reuníronse este 8 de xullo co presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Juan Manuel Saborido, e co xefe da planta da empresa FCC, Luís Fernández, co fin de estudar a posibilidade de converterse o Concello de Ames en socio de pleno dereito desta Mancomunidade, “xa que o lixo que se recolle neste termo municipal da área de Santiago representa o 40% do tratado na planta de devandita entidade”.

Un dos requisitos expresados polo alcalde na reunión é que se profesionalicen os recursos humanos da Mancomunidade para mellorar o seu funcionamento. Deste xeito, solicítase que se cree unha xerencia, así como dotar de persoal administrativo e dun técnico medio ambiental que traballe na entidade de concellos e que teña un contacto directo coa empresa e cos traballadores.
O alcalde de Ames dixo que manterá nos vindeiros días unha xuntanza con representantes da empresa FCC para solicitar unha serie de cuestións que haberá que cumprir para que Ames para que Ames pase a ser socio de pleno dereito da mancomunidade. A principal será que que a empresa achegue á Mancomunidade un novo camión para a recollida de lixo. Ademais, manterase unha xuntanza co comité de empresa da planta para tratar de garantir a viabilidade da planta.
Blas García,destacou que “o Concello de Ames leva 16 anos sendo membro da Mancomunidade Serra do Barbanza. Durante ese tempo sempre apostamos por pertencer a dita Mancomunidade, polo menos ata que finalizase o contrato. Agora temos a intención, sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos que expuxemos nesta reunión, de pasar a ser socio de pleno dereito, algo por outra parte que se nos leva pedindo dende a propia Mancomunidade dende hai tempo, porque é certo que Ames é o municipio que máis residuos achega a esta planta e polo tanto o Concello que máis paga”.
O presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Juan Manuel Saborido, explicou que “Ames xoga un papel moi importante na Mancomunidade. Na actualidade o Concello de Ames é cliente, pero para que esta planta teña o futuro que todos queremos é fundamental que Ames pase a ser socio de pleno dereito. Na actualidade a Mancomunidade está composta por nove Concellos dos cales 6 son socios de pleno dereito e 3 son clientes. A entrada do Concello de Ames sería unha garantía de cara ao futuro inmediato de dita planta”.
Juan Manuel Saborido engadiu que “outras das cuestións nas que estamos traballando para garantir o futuro desta planta é tratar de profesionalizar a estrutura da Mancomunidade, xa que na actualidade carecemos de persoal que se encargue da súa xestión. Para iso solicitamos a colaboración da Deputación da Coruña”.



