“Repetir experiencias non sempre gratas” – Antón Luaces

A visita este martes do ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Derek James Klazen, á fábrica que Iberconsa Seeafood Processing ten no porto de Vigo, foi o trampolín que a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, utilizou para informar da vontade do goberno galego de retomar e mesmo reforzar as relación comerciais no eido marítimo pesqueiro co país africano.

A Xunta salienta que a presenza en Namibia de empresas como Iberconsa mediante alianzas con firmas namibianas ten un efecto tractor en dar pulo á economía local coa xeración de emprego e riqueza. Rosa Quintana pon a Iberconsa como “exemplo do bo facer do tecido empresarial galego” que, dixo, “aposta constantemente pola innovación para mellorar a súa competitividade e afrontar os retos do futuro”.

O exemplo de Iberconsa loubado pola conselleira do Mar ecoa en Galicia lembrando o acontecido antes da independencia de Namibia, cando neste país a captura de pescada estaba monopolizada polos barcos galegos que, posteriormente á independencia namibiana, tiveron que poñer proa aos caladoiros de NAFO para se atopar cunha pesqueira -a do fletán negro- á que Canadá, coa anuencia de Reino Unido e Francia, puxo fin.

O que queda en Namibia de Galicia non é outra cousa que a lembranza dos pioneiros e a constitución de empresas namibianas que nos, os galegos, pensábamos erradamente que eran sociedades (empresas) galegas, cando a realidade non era outra que empresas de Namibia que, en determinadas circunstancias, tiñan capital galego. Agora, malia a satisfacción que semella ter a Xunta, a vía é a mesma: empresas namibianas como sociedades mixtas e, nalgún caso, con capital español (galego).

Fai uns 15 anos, o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJJ polas súas siglas en inglés) daba conta de que algúns científicos alertaban de que , debido á sobrepesca, unha ducia de grandes armadores españois -case que todos eles galegos- dominaban o mercado da pescada namibiana, en realidade a industria pesqueira do país africano. Estas compañías pesqueiras, controladas fundamentalmente por armadores galegos, capturaban sete de cada dez pescadas que se pescaban en Namibia, o mesmo provedor de pescada do mercado nacional español. No ano 2010 o consumo neste mercado foi de 4,6 quilos per cápita, cun valor desa pescada conxelada namibiana de 300 millóns de euros ese mesmo ano.

Daquela, segundo informaban os propios pescadores de Namibia, os estranxeiros monopolizaban a pesca: os rusos, o xurelo; os españois, o peixe branco -a pescada e o rape, fundamentalmente-, mentres que os chineses se adicaban, en esencia, á pesca de quenllas, lagosta e outras especies. Pero era España a que dominaba a industria pesqueira de Namibia.

O sindicalista Daniel Imbili dicía daquela en Walvis Bay que “milleiros de millóns de dólares namibianos ían para España- O diñeiro non é investido aquí e a riqueza marcha de Namibia”. Cornelius Bundje, á sazón subdirector do Instituto Marítimo e de Pesca de Namibia, contaba tamén naquel tempo que a industria pesqueira estaba dominada por España, cousa que recoñecía non era un segredo.

Eran tempos nos que a frota pesqueira de altura , nomeadamente galega, conquistaba os mares dende Marrocos ata as Seychelles, pasando por Mauritania ou Mozambique, entre outros países africanos.

Resulta evidente que a pesca -xunto coa minería- é un dos tesouros naturais e económicos de Namibia, país cuxa costa vai ao longo de 1.570 quilómetros dende a fronteira norte de Angola ata Suráfrica pola sur. Esta parte do Atlántico é perigosa para os pesqueiros, especialmente pola néboa e o forte vento- Walvis Bay e Lüderitz son os únicos portos que merecen tan cualificativo.

A pescada do Cabo (ou de Namibia) foi capturada máis aló dos límites que garanten a súa sustentabilidade, ata o punto de que, en 2010, o Instituto Científico Oficial namibiano (NatMIRC) estimaba que a poboación de pescada en augas xurisdicionais do país só representaba o 13% da biomasa existente na década de 1960. As olladas máis acusadoras por mor desta situación dirixíanse daquela cara a España, a quen responsabilizaban da sobrepesca. Aquel negocio pesqueiro en Namibia estaba monopolizado por unha ducia de armadores de orixe española que crearan sociedades de capital mixto xunto a empresarios locais. Aquel dominio español contou co firme e constante apoio das institución s españolas.

Namibia acadou a súa independencia en 1990 grazas á aportación guerrilleira e revolucionaria da Organización Popular África do Suroeste (SWAPO) na loita que mantivo contra o réxime secesionista de Suráfrica, Con San Nujoma -que visitou España en dúas ocasión- á fronte, o movemento realizou alianzas con operadores foráneos para desenvolver a economía do país.

Empresas pesqueiras españolas -que operaban de xeito non regulado no caladoiro namibiano desde os anos 60 do século pasado- brindaron a oportunidade que procuraba a xove nación. E Pescanova estaba alí, cunha gran factoría en Lüderitz, cidade que pasou de ser en 1990 un lugar practicamente despoboado a triplicar o número dos seus habitantes 20 anos máis tarde.. O embaixador español en Windhoek, Alfonso Barnuevo, comentou que “podemos dicir que Lüderitz é Pescanova”. Perto de 2.000 dos 32.000 veciños desta cidade traballaban nos barcos e instalacións da multinacional galega. A Xunta de Galicia e o Goberno español financiaron proxectos de investigación no NatMIRC, entre os que figura a aplicación da poboación de pescada. As visitas a Namibia de representantes da Xunta e do Goberno central español e de autoridades namibianas a Galicia foron sistemáticas. Só entre 2006 e 2009 España destinou máis de 52 millóns de euros a proxectos de cooperación con Namibia. (Marcos García Rey e S. Grobler, xornalistas do ICIJ, son os autores dunha extensa reportaxe sobre este asunto na serie “Saqueando os mares”.

Con esta memoria presente, non son quen, agora mesmo, de adiantar se ese paso avante que tenta dar a Consellería do Mar vai significar algo importante (interesante) para o sector pesqueiro galego. Semella, máis ben, un falar por non estaren calados-