Quince veciños de Ribeira confabúlanse para facer un musical a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro

Quince veciños do municipio van protagonizar o próximo sábado 2 de xullo un musical en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro.
A actividade foi presentada este mediodía no consistorio local nun acto que contou coa participación da concelleira de Cultura, María Sampedro; de Tania Fuegho representando á compañía Mimarte Ribeira, promotora do evento; e de María José Carreira en nome da delegación ribeirense da AECC. Falaron ademais dous dos actores que participarán no espectáculo: Ramón Parada e Conchi Núñez.

Orixe da iniciativa
A iniciativa xurde das clases de teatro musical que dende outubro do ano pasado Mimarte celebrou nun local situado na praza da Porta do Sol. No mes de decembro os asistentes decidiron que para o peche
do curso no mes de xullo non había mellor maneira que escenificar un mini musical e decidiron que a gala tivera carácter benéfico en favor da AECC.
Así, o sábado 2 no Auditorio terá lugar a partir das 20.30 horas un espectáculo titulado “A casa das cancións”. A entrada é gratuíta ata encher aforo e haberá sorteos, de tal xeito que todo o recadado coas
rifas será destinado integramente á citada asociación.
Tania Fuegho explicou que na función participarán xente de todas as idades (dende unha rapaza de 13 anos ata un sexaxenario) e distintas profesións: mariñeiros, camareiras, peixeiras, traballadores
sociais, profesoras de primaria, filólogas, estudantes, xubilados… O espectáculo terá unha duración de entre 45 e 50 minutos.
María José Carreira agradeceu no nome da AECC tanto esta función solidaria como as cualidades terapéuticas das clases que a precederon, e manifestou que o diñeiro que se recada para
investigación a través de distintas iniciativas nunca é suficiente para combater unha lacra que cada vez acecha a máis persoas.

A edil María Sampedro resaltou o novidoso da idea pois non é habitual acoller no concello un musical, e menos sendo encarnado por veciños do municipio. Desexou que a gala sexa un éxito e que se repita con futuras edicións.